Estas conferencias terán lugar os primeiros mércores de mes, ás 20:30 horas, ata xuño, nas redes sociais oficiais de Xuventude de Lugo.
A planificación desta nova quenda de conferencias arrincará tratando a alimentación vexetariana e vegana.

A área de Xuventude, que lidera Ana Abelleira, aposta de novo, na programación deste primeiro semestre, por ofrecerlle á mocidade activa de Lugo conferencias online de nutrición. Faino tras o éxito do ciclo de masterclass telemáticas do pasado ano, nas que se obtiveron máis de 25.000 reproducións espalladas en 9 vídeos que tocaron eidos tan importantes como o etiquetado nutricional, mitos nutricionais, como mellorar o sistema inmune, antollos, almorzos, ceas, picoteos e receitas doces saudables.
Sendo a alimentación crucial para o mantemento da saúde, con esas conferencias, o Concello exporá diversos temas de interese para a poboación máis nova, co obxectivo de aportar solucións sinxelas e factibles a cuestións habituais en canto á alimentación se refire; destacou a edil.
Estas conferencias terán lugar os primeiros mércores de mes, ás 20:30 horas, ata xuño, nas redes sociais oficiais de Xuventude de Lugo, a cargo da dietista-nutricionista luguesa Ángeles Novo, quen solventará as posibles dúbidas a través dos comentarios da publicación do vídeo. É dicir esta programación terá lugar mediante a reprodución de vídeos e a interacción coas persoas usuarias respondendo a preguntas.
A planificación desta nova quenda de conferencias arrincará tratando a alimentación vexetariana e vegana. Na sesión do mes de abril elaborarase un menú semanal para estudantes, en maio, versará sobre como cociñar sano e barato e xuño estará dedicado á alimentación e ao deporte.