Miguel Fernández pon en valor a capacidade innovadora de AMSlab nunha visita ás novas instalacións do grupo en Lugo

O alcalde percorreu as instalacións acompañado polo CEO de AMSlab, Manuel Lolo, así como por representantes das empresas partícipes de Lugo Transforma e da xestora do fondo.

A compañía, que deu os seus primeiros pasos no CEI Nodus, supera as 30 persoas empregadas e mantén un crecemento anual superior ao 20%.

“En Lugo temos empresas capaces de competir a nivel internacional, atraer talento e desenvolver solucións punteiras que melloran a saúde e a calidade de vida das persoas”, destacou o rexedor.

Martes, 03 de marzo de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Miguel Fernández pon en valor a capacidade innovadora de AMSlab nunha visita ás novas instalacións do grupo en Lugo

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, visitou as novas instalacións do grupo biotecnolóxico AMSlab nun encontro no que estivo acompañado polo seu CEO, Manuel Lolo, quen guiou o percorrido e presentou os principais proxectos e liñas estratéxicas da compañía. Na visita tamén participaron o concelleiro de Dinamización Económica, Mauricio Repetto, representantes das empresas partícipes de Lugo Transforma e membros da entidade xestora do fondo municipal.

Durante o encontro, Manuel Lolo explicou a evolución do grupo desde a súa creación no ano 2008, detallando o crecemento experimentado desde os seus inicios no CEI Nodus ata a actual consolidación como grupo biotecnolóxico de referencia. “AMSlab é un exemplo claro do modelo de cidade que queremos consolidar: empresas que nacen en Lugo, medran desde Lugo e compiten a nivel global sen renunciar ás súas raíces. Temos que falar con orgullo da capacidade que teñen as empresas lucenses para atraer talento, xerar coñecemento e ofrecer solucións innovadoras que melloran a vida das persoas”, afirmou Miguel Fernández.

O grupo iniciou a súa actividade no CEI Nodus, un dos poucos viveiros empresariais do Estado con capacidade para acoller iniciativas que precisaban instalar laboratorio propio, sendo no seu momento o único de Galicia con estas características. Desde aquela primeira etapa, a compañía experimentou un crecemento sostido que hoxe a consolida como un grupo con máis de 17 anos de traxectoria, máis de 1.200 clientes, un crecemento medio anual superior ao 20% e máis de 30 proxectos de I+D+i desenvolvidos.

Na actualidade, AMSlab supera as 30 persoas traballadoras e ao longo da súa historia máis de 140 profesionais formaron parte do proxecto. O seu modelo baséase na especialización e no coñecemento: o 87% do persoal conta con estudos superiores e o 25% posúe doutoramento. Ademais, mantén o 100% dos contratos indefinidos e conta cun plan de igualdade implantado de maneira voluntaria, reflectindo un compromiso firme coa estabilidade laboral e coa igualdade de oportunidades.

Durante a visita púxose especial atención en Nexotech, empresa participada por Lugo Transforma e froito da alianza entre AMSlab e NASAS Biotech, especializada no desenvolvemento e comercialización de produtos baseados en exosomas para o sector clínico e hospitalario. A través de solucións como a gama ExoGAG, orientadas á investigación biomédica e ao apoio diagnóstico, o proxecto sitúa a Lugo nun ámbito científico de alto valor engadido e clara proxección internacional.

Pola súa banda, Mauricio Repetto destacou o papel determinante do CEI Nodus como punto de partida do ecosistema innovador local: “Que unha empresa que naceu nun viveiro municipal conte hoxe con estas instalacións e esta capacidade tecnolóxica demostra que investir en infraestruturas públicas para o emprendemento ten un retorno real en emprego cualificado, innovación e posicionamento estratéxico para a cidade”.

O Goberno local considera que a consolidación de grupos como AMSlab e o impulso de proxectos como Nexotech reforzan a estratexia de diversificación económica impulsada a través de Lugo Transforma, pioneira en Galicia e apoiada polas principais empresas lucenses como partícipes do fondo. Esta colaboración público-privada permite mobilizar investimento, fortalecer o tecido produtivo e atraer iniciativas empresariais de alto contido tecnolóxico.

A visita serviu tamén para trasladar o compromiso institucional co acompañamento ás empresas que apostan por medrar desde Lugo, consolidando un modelo de cidade baseado no coñecemento, na innovación, no emprego de calidade e no orgullo polo talento empresarial propio.

Multimedia

  • Miguel Fernández pon en valor a capacidade innovadora de AMSlab nunha visita ás novas instalacións do grupo en Lugo
  • Miguel Fernández pon en valor a capacidade innovadora de AMSlab nunha visita ás novas instalacións do grupo en Lugo
  • Miguel Fernández pon en valor a capacidade innovadora de AMSlab nunha visita ás novas instalacións do grupo en Lugo
  • Miguel Fernández pon en valor a capacidade innovadora de AMSlab nunha visita ás novas instalacións do grupo en Lugo

Noticias relacionadas