
A Policía Local de Lugo culmina unha formación especializada en vehículos de mobilidade persoal e anuncia controis sistemáticos sobre o uso de patinetes na cidade
Os axentes da Policía Local de Lugo completaron un curso de intervención policial en materia de mobilidade eléctrica lixeira urbana, co obxectivo de dar resposta técnica e xurídica a un fenómeno que medrou de forma sostida nas rúas da cidade e que xera cada vez máis situacións de risco para os seus usuarios e para o resto da cidadanía.
A formación, impartida polo especialista na materia Benito Souto Calviño, oficial da Unidade de Mobilidade e Transportes da Policía Local de Vigo, abarcou desde os fundamentos normativos ata a aplicación práctica na vía pública, pasando polos aspectos máis complexos do réxime sancionador.
Os axentes afondaron no marco regulador dos vehículos de mobilidade persoal (VMP), as infraccións tipificadas, os procedementos de inmobilización e depósito, e a xestión destes vehículos no contexto dun accidente de tráfico, incluíndo a determinación de responsabilidades e os tipos de imprudencia aplicables.
Tamén se abordou a imputación penal, a categorización técnica destes aparellos —que en determinados supostos poden ser cualificados como vehículos de motor ou ciclomotores, coas consecuencias legais que iso implica— e a elaboración completa dun atestado policial que incorpore un informe técnico específico.
A formación completouse cun estudo sobre a última reforma da Lei do Seguro e coa realización práctica dun control real na vía pública, no que os axentes puxeron en práctica follas de control específicas deseñadas para tal fin.
A partir desta formación, a Policía Local activará de forma habitual e protocolizada dispositivos de control específicos sobre vehículos de mobilidade persoal en distintos puntos da cidade, con inspeccións que abranguerán tanto ao condutor como ao vehículo.
No que respecta ao condutor, os axentes verificarán a ausencia de distraccións durante a condución, a correcta utilización dos espazos habilitados para a circulación e o comportamento ao manillar. En canto ao vehículo, comprobarase que dispón do certificado de circulación e da placa de marcado do fabricante, que está inscrito no Rexistro Nacional de Vehículos, que conta con seguro obrigatorio de automóbil, que a súa motorización se corresponde coa categoría declarada e que os sistemas de iluminación funcionan correctamente.
A normativa vixente establece sancións que oscilan entre os 80 e os 500 euros polo incumprimento dos requisitos técnicos do vehículo, e entre os 100 e os 800 euros para os propietarios que non dispoñan do seguro obrigatorio de responsabilidade civil.
Nos casos en que a configuración técnica do aparello supere os límites establecidos para os VMP, a súa consideración legal pode cambiar radicalmente: un vehículo clasificado como ciclomotor ou vehículo de motor esixe permiso de condución, matrícula e seguro, e a súa circulación sen eles podería dar lugar a delitos contra a seguridade viaria conforme ao Código Penal.
Cómpre lembrar que desde o 22 de xaneiro de 2024 é obrigatorio o certificado de circulación para todos os VMP comercializados como novos. Os vehículos adquiridos con anterioridade a esa data poderán seguir circulando ata o 23 de xaneiro de 2027, sempre que cumpran os requisitos técnicos esixibles, acreditados mediante a etiquetaxe CE ou a norma UNE 17128.
A Policía Local de Lugo lembra que o uso responsable dos vehículos de mobilidade persoal non é unicamente unha obriga legal, senón unha condición indispensable para a convivencia e a seguridade de todas as persoas no espazo urbano compartido. Quen non cumpra a normativa pode esperar atoparse cun dispositivo de control.






