Consello Económico e Social

O Consello Económico e Social é un órgano colexiado de participación, de conformidade co artigo 69 da Lei Reguladora das Bases de Réxime Local, de carácter consultivo e asesor en materia socio-económica deste Concello; e que se estrutura como un Consello sectorial, de conformidade co artigo 130 do Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais, así como do Regulamento de Participación Cidadá.

O Consello Económico e Social configúrase como un órgano permanente de comunicación entre os distintos intereses económicos e sociais do municipio e de asesoramento e diálogo entre estes e o Concello, que ten como principal finalidade contribuír ao desenvolvemento económico e social do concello de Lugo, impulsando todas cantas actuacións vaian encamiñadas á modernización e mellora da economía municipal.

Composición do Consello Económico e Social

O Pleno é o supremo órgano de decisión e formación da vontade do Consello.

Os compoñentes do Pleno distribúense do seguinte xeito:

  • A Alcaldesa, que será a Presidenta do Consello Económico e Social.
  • Un/unha membro da Xunta de Goberno Local, designado/a pola Presidenta, e que será Vicepresidente/a.
  • Un representante de cada grupo político municipal designado por cada unha das forzas políticas.
  • Un representante de Deputación Provincial de Lugo, designado polo mesmo.
  • Os representantes das Xefaturas Territoriais das Consellerías que teñan asumidas as competencias de comercio, industria e emprego.
  • Tres representantes das centrais sindicais máis representativas, en proporción á súa representatividade, e designados polos máximos órganos das mesmas.
  • Un representante da Confederación de Empresarios de Lugo.
  • Un representante da Cámara de Comercio, Industria e Navegación de Lugo.
  • Un representante das entidades financeiras situadas no municipio, elixido por elas ou, no seu defecto, polo Pleno do Concello entre os candidatos propostos por cada entidade.
  • Dous representantes libremente designado po Pleno do Concello entre persoas de recoñecida solvencia e prestixio no eido económico e social.
  • Secretario/a: O da Corporación ou funcionario nomeado polo mesmo a proposta daquel, que actuará con vos pero sen voto.
  • Interventor/a: O da Corporación ou funcionario nomeado polo mesmo a proposta daquel, que actuará con voz pero sen voto.