Molestias por ruído
Os axentes do Grupo Operativo Nocturno atenderon requirimentos por molestias causadas por ruído na rúa Amizade, o venres ás 4’55 horas, onde ante a presenza dos policías cesou a música que procedía dunha das vivendas.
Ás 2’50 horas do mesmo día xa acudiran a un edificio da rúa Doutor Balanza, nun dos cuxos pisos se estaba a celebrar unha festa e, se ben inicialmente non atenderon os requirimentos policiais para abrir a porta, finalmente as inquilinas responsables foron identificadas e advertidas das molestias causadas, que cesaron nese momento.
O mesmo día, ás 4’05 horas, tamén atenderon un servizo similar na rúa dos Gardas, que quedou solucionado coa presenza policial.
O domingo, ás 22’30, os axentes acoden a un domicilio da Avda. Adolfo Suárez, onde un veciño se queixa das molestias causadas polos ladridos de cans noutro piso. Os axentes comproban a veracidade da reclamación, comprobando que os animais se atopan sós na vivenda, corroborando tamén que ditas molestias son recorrentes. Finalmente localízase á propietaria dos animais e confecciónase denuncia por infracción da Ordenanza municipal de Protección e Tenza de Animais de Compañía.
Danos en mobiliario urbano (DESA)
Ás 4’15 horas do sábado, a Sala do 092 recibe información sobre un individuo golpeando o desfibrilador situado na Praza de Augas Férreas, motivo polo cal se despraza de inmediato ao lugar un indicativo do Grupo Operativo Nocturno. Os axentes comproban que o poste onde se sitúa o aparello sufriu danos, quedando o DESA descuberto e sen protección, polo que se retira do lugar para que poida ser reposto polo servizo correspondente. Os axentes son informados por unha testemuña da descrición do presunto autor dos danos, que é localizado nas inmediacións, sendo trasladado a dependencias policiais para ser identificado e para a tramitación das correspondentes dilixencias.
O suxeito é denunciado por senllas infraccións á Lei de Protección da Seguridade Cidadá, xa que se negou a identificarse ante os axentes e faltoulles ao respecto.
Detención por ameazas con arma branca
Sobre as 18’30 horas do sábado, a Sala do 092 recibiu información sobre un home portando unha arma branca que ameazaba os clientes dun establecemento da Avda. de Madrid, polo que se desprazan ao lugar varios indicativos da Unidade Territorial de Policía de Barrio. Os axentes poden observar como o home arroxa a navalla a un dos empregados do local, á vez que lle indica que a garde onde poida. Debido a que o suxeito se atopaba nun alto estado de excitación e alteración, ameazando e intimidando os presentes, foi sacado ao exterior do establecemento, onde inicialmente foi inmobilizado e finalmente detido, xa que, segundo declaración de testemuñas, varios clientes fuxiran do lugar ante as ameazas sufridas e un en concreto, que manifestou intención de denunciar os feitos, dixo que, tras comezar a insultalo e ameazalo sen ningún tipo de contacto previo, sacou a navalla e abriuna para ameazar con matalo. O individuo é trasladado a dependencias policiais, coa navalla intervida (e un bastón tipo caxato) para a tramitación das oportunas dilixencias.

