Elena Candia ve na Cátedra de Xestión Cultural unha oportunidade para reforzar Lugo como cidade universitaria

Martes, 02 de xuño de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Elena Candia ve na Cátedra de Xestión Cultural unha oportunidade para reforzar Lugo como cidade universitaria

A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, participou hoxe na presentación da nova Cátedra de Xestión Cultural da Universidade de Santiago de Compostela, unha iniciativa que cualificou como “unha magnífica noticia para Lugo” por reforzar a conexión entre a universidade e a cidade a través dun dos seus principais sinais de identidade: a cultura.

Durante a súa intervención, a rexedora destacou a importancia de seguir potenciando os estudos vinculados á xestión cultural nunha cidade cun patrimonio histórico, artístico e cultural de primeiro nivel.

“Lugo é unha cidade cun enorme patrimonio material e inmaterial. Necesitamos profesionais capaces de protexelo, divulgalo, xestionalo e convertelo tamén nunha oportunidade de desenvolvemento. Por iso é tan importante seguir fortalecendo iniciativas como esta cátedra e unha titulación tan singular como o Grao en Xestión Cultural”, sinalou.

Candia defendeu ademais a necesidade de estreitar os vínculos entre a universidade e a realidade da cidade. “Queremos que a universidade mire cara á cidade e que a cidade saiba aproveitar todo o talento e coñecemento que xera a universidade. Esta cátedra é un magnífico exemplo desa conexión que queremos fortalecer”, afirmou.

A alcaldesa destacou que a creación da cátedra abre tamén unha oportunidade para avanzar cara a un modelo de maior coordinación entre institucións, universidade, profesionais e entidades culturais.

“Lugo conta cun extraordinario patrimonio cultural, cun tecido asociativo dinámico e cunha universidade referente neste ámbito. A creación desta cátedra pode converterse na primeira pedra dun futuro Patronato da Cultura que nos permita sumar esforzos, coordinar recursos e construír unha estratexia cultural compartida para a cidade”, indicou.

Para Candia, os grandes proxectos de futuro requiren espazos estables de colaboración e planificación.

“Se queremos que Lugo siga avanzando como cidade universitaria e como referente cultural, debemos crear ferramentas que faciliten o traballo conxunto entre administracións, universidade e sector cultural. Esta cátedra ofrécenos unha magnífica oportunidade para empezar a construír ese camiño”, concluíu.

Multimedia

  • Elena Candia ve na Cátedra de Xestión Cultural unha oportunidade para reforzar Lugo como cidade universitaria

Noticias relacionadas