O Concello de Lugo e a Xunta reforzan a colaboración en materia de formación profesional coa sinatura de dous convenios

Elena Candia e o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, asinaron hoxe dous acordos para facilitar actividades formativas do IES Sanxillao na Praza de Abastos e o uso de instalacións municipais polo CIFP As Mercedes

Venres, 25 de setembro de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo e a Xunta reforzan a colaboración en materia de formación profesional coa sinatura de dous convenios

A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, e o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, asinaron hoxe dous convenios de colaboración entre o Concello de Lugo e a Xunta de Galicia vinculados á Formación Profesional.

O primeiro establece un marco de colaboración co IES Sanxillao para o desenvolvemento de proxectos e actividades formativas vinculadas á gastronomía e á hostalaría na Praza de Abastos e no Mercado Municipal de Lugo. Neste marco, o Concello poñerá á disposición do centro educativo o posto número 16 da Praza de Abastos, os primeiros e terceiros venres de cada mes, entre outubro e xuño, para aquelas actividades que precisen un espazo propio de traballo.

As actividades estarán vinculadas á formación profesional impartida polo IES Sanxillao e estarán orientadas á aplicación práctica de coñecementos gastronómicos e de hostalaría, así como á difusión da actividade formativa do centro. O convenio sinala tamén a súa relación coa dinamización da Praza de Abastos e do Mercado Municipal e coa posta en valor da gastronomía tradicional, popular e local e dos produtos de proximidade.

O segundo convenio formaliza a autorización de uso de parte das instalacións municipais do Parque de Bombeiros por parte do CIFP As Mercedes de Lugo para a impartición do Ciclo Formativo de Grao Medio en Emerxencias e Protección Civil e do Ciclo Formativo de Grao Superior en Coordinación de Emerxencias e Protección Civil.

O acordo establece que determinadas instalacións que non se empregan diariamente polo persoal de garda poderán destinarse á formación, sempre que o seu uso non coincida co funcionamento habitual do servizo. A Consellería asumirá o persoal docente, os materiais e consumibles necesarios e o equipamento preciso para a actividade administrativa e docente, mentres que o Concello proporcionará as instalacións e os equipamentos existentes que sexan necesarios para impartir estas ensinanzas.

Ambos os convenios permiten así compartir recursos públicos para facilitar a formación práctica do alumnado, cada un no ámbito específico das ensinanzas previstas nos respectivos acordos.

Elena Candia afirmaba que “temos o reto de aproveitar o talento e as oportunidades que ofrece a Formación Profesional, e estes convenios permítennos poñer espazos municipais á disposición dos centros educativos para favorecer unha formación máis práctica e conectada coa realidade da nosa cidade. Desde o Concello queremos seguir sendo unha administración colaboradora, facilitando  recursos que poidan contribuír a xerar oportunidades e a repercutir positivamente no futuro de Lugo".

Multimedia

  • O Concello de Lugo e a Xunta reforzan a colaboración en materia de formación profesional coa sinatura de dous convenios

Noticias relacionadas