O Concello dá un novo paso para cumprir o seu compromiso de crear unha Unidade de Atención Temperá, que beneficiará a uns 400 nenos e nenas a partir de xaneiro

A Xunta de Goberno Local acorda solicitar á Xunta o financiamento para poñer en marcha o servizo, que se prestará mediante concerto social no Paco Martín

Luns, 07 de setembro de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello dá un novo paso para cumprir o seu compromiso de crear unha Unidade de Atención Temperá, que beneficiará a uns 400 nenos e nenas a partir de xaneiro

A Xunta de Goberno Local do Concello de Lugo acordou solicitar á Xunta de Galicia o financiamento necesario para que o municipio de Lugo conte cunha Unidade Municipal de Atención Temperá en xaneiro de 2027, dando así un novo paso no cumprimento dos compromisos adquiridos polo goberno de Elena Candia.

O programa permitirá atender a uns 400 nenos ao ano, de entre 0 e 6 anos, dando asi resposta a unha necesidade da cidade, a que non se tiña atendido, debido ao rexeitamento a optar a subvención autonómica por parte do anterior goberno.

O equipo de atención temperá municipal contará con entre 3 e 5 profesionais da atención á infancia.

A fórmula elexida para a prestación do servizo, será a do concerto social, priorizando ás entidades do terceiro sector con experiencia na prestación deste servizo.

Nestes momentos estase a traballar na redacción da ordenanza municipal que rexerá a actividade, así como nos pregos para a licitación do servizo.

Do mesmo xeito, estanse a barallar tamén diferentes espazos municipais para albergar a unidade. Previsiblemente ubicarase no Paco Martin, nun espazo de titularidade municipal, e que se atopa na actualidade infrautilizado.

Sobre a atención temperá a alcaldesa de Lugo considera que “é fundamental reforzar a prevención, a detección precoz e a atención aos nenos e nenas que precisan apoio no seu desenvolvemento”, e enmarca esta medida no modelo de cidade que está a impulsar no que as políticas de conciliación e o apoio ás familias teñen un papel destacado.

A proposta contempla a posta en marcha do servizo entre o 1 de xaneiro de 2027 e o 31 de outubro de 2028, cun equipo de tres profesionais a xornada completa: psicólogo/a, logopeda e terapeuta ocupacional/fisioterapeuta. En total, prevese prestar 9.459 horas de atención profesional e atender aproximadamente a 388 nenos e nenas durante os 22 meses de funcionamento.

O Concello solicitará unha subvención de 273.355,64 euros, mentres que o custo estimado total do servizo ascende a 328.026,76 euros, polo que a achega municipal será de aproximadamente 54.671 euros.

Para Elena Candia, a creación desta unidade é tamén “un primeiro paso” nunha liña de atención ás familias que o Concello quere seguir desenvolvendo. Neste sentido, adianta que se traballará tamén nun proxecto de Atención Postemperá, porque “a rehabilitación, as terapias e o acompañamento non rematan aos seis anos e as familias precisan respostas nas distintas etapas da vida dos seus fillos e fillas”.

Deste xeito, o Goberno municipal quere avanzar nun modelo de atención que acompañe ás familias máis alá dos primeiros anos de vida e que dea resposta ás necesidades que poidan xurdir nas diferentes etapas do desenvolvemento.

Seguridade dos equipamentos municipais

A Xunta de Goberno Local tamén acordou a aprobación do expediente e dos pregos para sacar a licitación o novo servizo de seguridade privada, sen armas, de oito equipamentos municipais de carácter social.

O contrato incluirá os centros municipais de convivencia de Fingoi, Sagrado Corazón, Milagrosa, Uxío Novoneyra, Maruja Mallo, Lamas de Prado e María Balteira, así como o Centro Interxeracional Paco Martín.

O contrato terá inicialmente unha duración aproximada de 19 meses, desde novembro de 2026 ata xuño de 2028, con posibilidade de ata dous anos adicionais de prórroga. O orzamento base de licitación ascende a 597.655,23 euros, IVE incluído, mentres que o valor estimado total, incluídas as posibles prórrogas e modificacións, alcanza os 1.285.229,97 euros.

A contratación realizarase mediante procedemento aberto e incluirá entre os criterios de adxudicación o prezo, unha bolsa de ata 624 horas anuais adicionais de vixilancia, formación complementaria do persoal e unha ferramenta informática para o seguimento do servizo.

Este contrato terá carácter de ponte, co obxectivo de garantir a continuidade da seguridade nos equipamentos sociais e facer coincidir a súa finalización coa do contrato de seguirdade actualmente en vigor. A intención do Concello é que, nese momento, poidan sacarse conxuntamente os servizos de seguridade dos distintos equipamentos municipais, avanzando cara a unha contratación unificada que permita unha xestión máis coordinada e eficiente do servizo.

Iluminación ornamental do San Froilán e do Nadal, con máis de 2,3 millóns de micro LED

A Xunta de Goberno Local  adxudicou á empresa Creaciones Luminosas S.L. o contrato conxunto para a iluminación ornamental do San Froilán 2026 e do Nadal 2026, por un importe total de 317.485,85 euros, IVE incluído.

Do importe total, 55.617,65 euros corresponden ao San Froilán e 261.868,20 euros ao Nadal.

A proposta incorpora, ademais, melloras respecto das condicións mínimas establecidas nos pregos, tanto no número de elementos luminosos adicionais como no número de lámpadas micro LED. No caso do San Froilán, serán máis de 890.000 micro LED, mentres que na campaña de Nadal superaranse os 1,4 millóns.

A iluminación do San Froilán deberá estar preparada para a súa posta en funcionamento o 4 de outubro, mentres que a iluminación de Nadal está prevista para inaugurarse o 4 de decembro e permanecerá instalada ata o 6 de xaneiro de 2027.

Persoal

No ámbito da seguridade, a Xunta de Goberno Local tamén avanzará no proceso para a cobertura de catro prazas de Policía Local mediante mobilidade, correspondentes á Oferta de Emprego Público de 2025, coa designación do tribunal cualificador.

Asemesmo se propón a designación do tribunal cualificador do proceso selectivo para cubrir dúas prazas de ordenanza en quenda libre, correspondentes á OEP 2023.

A designación destes tribunais constitúe un novo trámite dentro dun proceso que permitirá avanzar na incorporación tanto dos catro efectivos á Policía Local, tras a publicación da convocatoria e a aprobación da lista provisional de persoas admitidas e excluídas así como dos ordenanzas.

“Coidar a quen nos coida tamén é unha responsabilidade deste Goberno”, sinala Elena Candia, que defende a necesidade de seguir reforzando os servizos públicos e dotándoos dos medios humanos necesarios para prestar a mellor atención á cidadanía.

Caudal Fest

A Xunta de Goberno Local tamén propón adxudicar á mercantil Caudal Fest S.L. o contrato de patrocinio publicitario do Caudal Fest 2026, por un importe de 217.679 euros, IVE incluído.

Noticias relacionadas