O alumnado de 3º e 4º de Primaria fará chegar por carta á alcaldesa as súas propostas para mellorar o seu barrio e a cidade

A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, e o concelleiro de Educación, Javier Vázquez, recibiron hoxe na Casa do Concello a un grupo de arredor de 48 alumnos e alumnas de 3º e 4º de Educación Primaria do CEIP Nadela.
Durante o encontro, as nenas e nenos puideron coñecer de primeira man como funciona o Concello e como se toman as decisións que afectan ao día a día da cidade.
A alcaldesa propúxolles escribirlle unha carta contándolle que lles gustaría que o Concello de Lugo mellorase no seu barrio ou na cidade, e comprometeuse a responder a cada unha delas cunha dedicatoria, unha proposta que o alumnado recibiu cun aplauso.
A iniciativa, que organiza a concellaría de Educación, busca achegar aos máis novos o funcionamento da administración municipal e da Casa Consistorial a través de visitas semanais dos centros educativos de Lugo, dun xeito dinámico e participativo.

