O Concello de Lugo abre mañá o prazo de matrícula nas Casas das Linguas para o curso 2026-2027

As Casas das Linguas da Estrada da Granxa e María Balteira ofrecen formación en inglés, francés, alemán e galego, con niveis e actividades para diferentes idades

Domingo, 23 de agosto de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo abrirá mañá, 24 de agosto, o prazo de matrícula nas Casas das Linguas da Estrada da Granxa e María Balteira para o curso 2026-2027. As persoas interesadas poderán presentar as súas solicitudes ata o 24 de setembro.

A programación inclúe formación en inglés, francés, alemán e galego, con diferentes niveis para persoas adultas e actividades adaptadas a nenos e nenas.

No caso do inglés, a oferta para adultos abrangue os niveis A1, A2, B1 e B2-C1, mentres que para o alumnado infantil inclúe actividades para bebés, Infantil e Primaria. En francés ofértanse os niveis adultos A1-A2 e A2-B1, ademais de actividades para bebés, Infantil e Primaria.

Tamén se poderá aprender alemán, con niveis de iniciación, básico e intermedio para adultos e iniciación e Primaria para o alumnado infantil, así como galego, con niveis de iniciación e CELGA para adultos e actividades para Primaria.

A programación incorpora ademais propostas específicas como inglés para bebés e familias, intercambio cultural en inglés, Magic English e Musical English, así como actividades de galego, francés e alemán adaptadas ás diferentes idades.

As actividades desenvolveranse entre o 1 de outubro de 2026 e o 18 de xuño de 2027. As clases para adultos terán unha duración de 75 minutos, mentres que as infantís serán de 50 minutos. As clases contarán con 20 prazas para adultos e 15 para actividades infantís.

No caso de que sexa necesario realizar un sorteo de prazas, este terá lugar entre os días 25 e 26 de setembro. A formalización da matrícula das persoas admitidas realizarase os días 29 e 30 de setembro.

Ademais, os menores de 14 anos están exentos do pagamento. Para o resto do alumnado, as bases establecen unha matrícula de 30,90 euros por idioma para o curso anual.

Con esta nova convocatoria, o Concello continúa ofrecendo ás familias e á cidadanía espazos municipais para aprender idiomas, mellorar as competencias lingüísticas e facilitar a comunicación e o coñecemento doutras culturas.

Toda a documentación necesaria para realizar o trámite -o Decreto de Bases da Matrícula e o formulario de solicitude -está dispoñible na seguinte ligazón https://concellodelugo.gal/gl/tramites/inscricion-na-casa-das-linguas

Noticias relacionadas