O proxecto do futuro centro de respiro para persoas con alzhéimer en Calde avanza

A alcaldesa trasladou ao Director de  AFALU o compromiso expresado pola Xunta de Galicia para seguir dando pasos na creación deste servizo, considerado estratéxico para reforzar o apoio ás persoas con alzhéimer e ás súas familias

Sábado, 11 de xullo de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O proxecto do futuro centro de respiro para persoas con alzhéimer en Calde avanza

A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, mantivo unha reunión de traballo co Director do Centro de Día AFALU, Valentín Calvín Fondevila, na que se abordou o avance do proxecto do futuro centro de respiro para dar apoio aos e ás familiares de persoas con alzhéimer que se prevé habilitar no antigo Hospital de Calde.

Durante o encontro, AFALU trasladou á alcaldesa o anteproxecto técnico da actuación, un documento que permite seguir avanzando na definición dun recurso considerado prioritario para dar resposta ás necesidades das persoas con alzhéimer e doutras demencias e das súas familias. 

O proxecto contempla a rehabilitación da terceira planta do antigo Hospital de Calde para crear un centro de respiro especializado, dotado de habitacións individuais, espazos de convivencia, áreas de rehabilitación, enfermaría, comedor e outros servizos adaptados ás necesidades asistenciais deste colectivo. 
Elena Candia destacou que este equipamento representa un paso decisivo para ampliar os recursos sociosanitarios da cidade e ofrecer un apoio fundamental ás familias coidadoras.

"Desde o primeiro momento tivemos claro que Lugo necesitaba un recurso destas características. Hoxe damos un novo paso cun anteproxecto que achega este obxectivo e que permitirá seguir avanzando para facer realidade un servizo moi necesario para as persoas con alzhéimer e as súas familias."
A alcaldesa reiterou a vontade do Goberno municipal de continuar colaborando con AFALU e co resto das administracións implicadas para impulsar esta actuación, que permitirá dotar a Lugo dun recurso especializado chamado a converterse nun referente no apoio ás persoas afectadas por esta enfermidade e ao seu contorno familiar.

Noticias relacionadas