O Mercado Medieval encherá de música, personaxes fantásticos e espectáculos de lume o San Froilán do luns

O XXV Mercado Medieval ofrecerá actividades gratuítas durante toda a xornada, cun Dragón de catro metros e medio, obradoiros de oficios, xogos infantís e dous  espectáculos nocturnos

Sábado, 10 de outubro de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Mercado Medieval encherá de música, personaxes fantásticos e espectáculos de lume o  San Froilán do luns

O Mercado Medieval será unha das propostas da programación do San Froilán deste luns, 12 de outubro, cunha xornada que combinará música en directo, teatro de rúa, artesanía, obradoiros e espectáculos para todos os públicos.

A apertura terá lugar ás 10:45 horas, coa presenza da alcaldesa de Lugo, Elena Candia, e do concelleiro de Cultura, Javier Vázquez. Desde primeira hora, a música de Skaldir, con gaitas e percusión, e os personaxes de Human no Limits, cos seus xograres de palacio, encherán de animación as rúas e prazas do recinto.

Unha das principais atraccións será O Dragón do Castelo, unha criatura fantástica duns catro metros e medio de lonxitude e dous metros e medio de altura que percorrerá o mercado ás 12:00 e ás 18:30 horas. A programación incluirá tamén propostas itinerantes como A marquesa e o seu criado, con personaxes da corte, e Os soldados errantes, con artistas sobre zancos, ademais de Os feiticeiros escuros e o espectáculo Malabares de xograres, con malabares, equilibrios e números de circo.

Durante toda a xornada haberá tamén obradoiros gratuítos de oficios tradicionais, nos que se poderá coñecer e probar actividades como o tiro con arco, a heráldica, a caligrafía medieval, o traballo en coiro, a talla en madeira, o fiado, a elaboración de coroas de flores ou a cota de malla. A oferta familiar completarase cun recuncho infantil con xogos tradicionais e retos de enxeño e destreza, así como atraccións medievais.

A programación nocturna ofrece dous espectáculos:

Ás 20:30 horas chegará O Deus do Lume, con coreografías que recrean a loita entre a luz e a escuridade.
Ás 21:30 horas, Lume e lapas, da compañía Trapecio, pechará a celebración do 25.º aniversario cun espectáculo que combinará lume, circo aéreo, trapecio e acrobacias.

O XXV Mercado Medieval permanecerá aberto ata as 22:00 horas na contorna da Catedral, con actividades para todas as idades que se suman á programación festiva do San Froilán.

Multimedia

  • O Mercado Medieval encherá de música, personaxes fantásticos e espectáculos de lume o  San Froilán do luns

Noticias relacionadas