Concello e Centro Educativo Illa Verde estudan unha solución para mellorar desprazamentos do alumnado

Martes, 23 de xuño de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Concello e Centro Educativo Illa Verde estudan unha solución para mellorar desprazamentos do alumnado
O Goberno local comprométese a iniciar os estudos necesarios para dar resposta a unha demanda trasladada desde hai anos pola comunidade educativa
 
Os concelleiros de Mobilidade, Antonio Ameijide, e de Educación, Javier Vázquez, mantiveron unha reunión de coordinación co equipo directivo do Centro Educativo Illa Verde para abordar a problemática dos desprazamentos do alumnado entre as distintas instalacións do centro, situadas a ambos lados da rúa Rei Xordo.
 
O encontro tivo como obxectivo analizar posibles solucións a unha situación que preocupa á comunidade educativa, xa que os estudantes deben cruzar diariamente unha vía con tráfico rodado para desprazarse entre os distintos espazos da mesma institución educativa.
 
Desde a dirección do centro trasladouse que esta demanda vén sendo formulada ao Concello desde hai anos sen que ata o momento se lle dese unha resposta.
 
Pola súa banda, o Goberno local amosou o seu firme compromiso para iniciar os estudos necesarios e elaborar unha proposta de solución acorde coa problemática existente, co obxectivo de mellorar a seguridade dos nenos e nenas que utilizan diariamente estas instalacións.
 
Durante a reunión, ambas partes acordaron traballar de forma coordinada e cooperativa na procura dunha alternativa que permita dar resposta a esta situación, compatibilizando a seguridade do alumnado co normal funcionamento da circulación, os intereses da veciñanza e o servizo de transporte público que utiliza esta vía.
 
O Goberno local comprometeuse a presentar unha proposta nas próximas semanas para avanzar cara a unha solución a unha situación que leva demasiado tempo xerando preocupación na comunidade educativa.
 

Noticias relacionadas