A alcaldesa e a concelleira de Dinamización Económica, Cristina Sanz, mantiveron un encontro coas empresas instaladas no centro para coñecer os seus proxectos, escoitar as súas necesidades e avanzar nun novo plan de dinamización e promoción
- Tema
Martes, 15 de setembro de 2026
Fonte:
Gabinete de Prensa

A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, e a concelleira de Dinamización Económica, Cristina Sanz, mantiveron hoxe un encontro coas persoas emprendedoras e empresas instaladas no CEI Nodus, nunha xornada na que puideron coñecer de primeira man os proxectos que se están desenvolvendo neste espazo municipal e escoitar as súas propostas e necesidades.
Durante o encontro, Elena Candia quixo recoñecer a traxectoria de éxito do CEI Nodus e agradecer o compromiso do equipo técnico que traballa no centro para acompañar ás persoas que deciden emprender en Lugo.
A rexedora puxo tamén o foco nas persoas que están detrás de cada proxecto e avanzou no compromiso do Goberno municipal de dar maior promoción e visibilidade ás iniciativas que se desenvolven neste viveiro municipal de empresas.
“Detrás dos proxectos hai persoas”, destacou Elena Candia, quen subliñou a importancia de apoiar e dar a coñecer o traballo de quen aposta por Lugo para desenvolver as súas ideas e actividades.
Neste sentido, a alcaldesa destacou que “Lugo ten talento, ten persoas con ideas e ten emprendedores que están apostando pola nosa cidade” e sinalou a necesidade de seguir xerando oportunidades para que ese talento poida desenvolverse e medrar.
O 100 % dos espazos están ocupados
O encontro celebrouse nun momento especialmente significativo para o CEI Nodus, que actualmente ten ocupados o 100 % dos seus espazos físicos: os 16 despachos de oficinas, os 5 talleres industriais e os 2 laboratorios técnicos están totalmente asignados. O semilleiro conta tamén con tres proxectos activos.
Precisamente, na convocatoria de maio-xuño incorporáronse cinco novos proxectos empresariais, con perfís vinculados á intelixencia artificial, creación audiovisual, repostería artesanal, psicoloxía familiar e servizos técnico-administrativos.
A elevada ocupación do centro abre tamén a necesidade de estudar novas posibilidades para seguir dando cabida a proxectos emprendedores que queiran desenvolver a súa actividade en Lugo.
Neste sentido, Elena Candia comprometeuse a estudar a posibilidade de ampliar o período de permanencia das empresas no CEI Nodus, actualmente establecido en tres anos, para analizar se é posible ofrecer máis tempo de apoio aos proxectos que o precisen.
Estender o modelo de éxito á Tinería
A alcaldesa sinalou tamén a vontade do Goberno municipal de estender este modelo de éxito á Tinería, un ámbito que, segundo destacou, conta con grandes potencialidades para seguir impulsando o emprendemento e a actividade económica.
Neste sentido, o Concello está a preparar a licitación de dous locais comerciais da Tinería que actualmente están baleiros, que se sumarán aos cinco que xa están ocupados.
O viveiro conta así cun total de sete locais comerciais en alugueiro a prezos económicos, que oscilan entre os 18 e os 72 euros.
A intención do Goberno municipal é seguir facilitando espazos e oportunidades para que novas iniciativas poidan desenvolver a súa actividade na cidade e, ao mesmo tempo, aproveitar as potencialidades que ofrece a Tinería.
Un minuto para coñecer cada proxecto
Un dos momentos centrais do encontro foi a presentación dos propios emprendedores. Cada empresa dispuxo dun minuto para explicar ao resto dos participantes en que consiste o seu proxecto e que actividade desenvolve desde o CEI Nodus.
Esta dinámica permitiu coñecer a diversidade das iniciativas que conviven no centro e favorecer tamén o contacto entre as propias empresas.
Entre os proxectos incorporados recentemente hai iniciativas vinculadas a ámbitos como a intelixencia artificial, a creación audiovisual, a repostería artesanal, a psicoloxía familiar e os servizos técnico-administrativos.
As achegas dos emprendedores, para o novo plan de dinamización
O encontro serviu tamén para que as empresas puidesen trasladar directamente á alcaldesa e á concelleira as súas ideas, propostas e necesidades.


