O Concello de Lugo abre unha nova convocatoria de subvencións para a dinamización económica dirixida a asociacións e entidades sen ánimo de lucro

Sábado, 29 de agosto de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Lugo, 28 de agosto de 2026.- O Concello de Lugo publica HOXE no Boletín Oficial da Provincia as Bases Xerais reguladoras da concesión de subvencións ás asociacións e entidades sen ánimo de lucro para a dinamización económica, correspondentes ao exercicio 2026, dotadas cun orzamento total de 28.000 euros.

A convocatoria, impulsada dende a Área de Dinamización Económica e Relacións Institucionais a través do CEI Nodus, ten como obxectivo apoiar proxectos que fomenten a promoción económica, o comercio, a formación empresarial e para o emprego, a hostalería e a creación de emprego no municipio de Lugo. Os proxectos deberán desenvolverse dentro do ámbito territorial municipal de Lugo e quedar á marxe da actividade ordinaria da entidade solicitante.

Contía das axudas

Subvencionarase ata un máximo do 90% do custo total da acción, cun límite de 2.000 euros por asociación ou entidade. As axudas son compatibles con outras subvencións para o mesmo fin, sen que en ningún caso o importe total subvencionado poida superar ese 90% do custo total da actividade. Os proxectos deberán acadar unha puntuación mínima de 7 sobre 14 puntos, segundo os criterios de valoración establecidos, entre eles o número de persoas asociadas, os anos de experiencia, a dixitalización e a sostibilidade, a formación, a promoción de valores culturais e a participación cidadá. Os proxectos que non acaden esa puntuación quedarán fóra da convocatoria.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo estará aberto durante quince días hábiles, dende o luns 31 de agosto de 2026, a través da sede electrónica municipal www.lugo.gal ou doutros rexistros electrónicos habilitados. O prazo máximo para resolver e notificar as subvencións será de seis meses dende a publicación da convocatoria. Contra a resolución poderá interpoñerse recurso de reposición ante o propio Concello ou recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Lugo.

Requisitos das entidades

Poderán acollerse a esta convocatoria as asociacións e entidades sen ánimo de lucro con sede en Lugo, inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións, ao día das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e que teñan xustificadas debidamente as subvencións recibidas con anterioridade polo Concello. As entidades non poderán percibir, durante este exercicio, ningunha outra subvención municipal das previstas nominativamente no orzamento xeral de 2026, e non poderán empregar a imaxe da muller como reclamo con connotacións de tipo sexual nin de forma que denigre a súa imaxe.

Documentación necesaria

Para solicitar a subvención, as entidades deberán presentar o modelo de solicitude, Anexo I, unha memoria explicativa do proxecto, Anexo II, e unha declaración responsable, Anexo III, ademais do CIF da entidade, o NIF da persoa representante, copia dos estatutos e certificación bancaria.

Gastos subvencionables

Consideraranse subvencionables os gastos necesarios para o desenvolvemento do proxecto, tales como alugamentos, adquisición de material non inventariable, prestación de servizos, seguros, transporte, desprazamento, publicidade e imprenta, vestiario e subministracións. Tamén serán subvencionables os gastos de persoal asociado exclusivamente ao proxecto, ata un máximo do 40% do importe da subvención concedida. Quedan excluídos, entre outros, os gastos de aluguer da sede social, mantemento de infraestruturas propias e os gastos de degustación gastronómica, catering ou ceas.

Obrigas das entidades beneficiarias

As entidades que reciban subvención deberán presentar toda a súa programación e publicidade en idioma galego, incluír o logotipo do Concello de Lugo nos seus materiais de difusión, e comunicar previamente a realización das actividades para posibilitar a participación de representantes municipais.

Xustificación do gasto

Unha vez concedida a subvención, para proceder ao seu cobro, as entidades deberán presentar unha memoria explicativa da realización do proxecto, segundo o Anexo IV, cunha relación detallada de gastos e ingresos, os resultados obtidos e as facturas e demais documentos xustificativos do pagamento, así como unha declaración responsable, segundo o Anexo V. As entidades deberán xustificar o importe total da subvención concedida máis o 10% do custo do proxecto que corresponde á propia entidade. De non xustificarse polo menos o 50% do importe concedido, entenderase incumprida a finalidade da subvención e perderase o dereito ao seu cobramento.

A data límite para xustificar a totalidade da subvención concedida será o 30 de novembro de 2026. A presentación da xustificación fóra de prazo considérase infracción leve, sancionable co 10% ou o 20% do importe concedido, segundo o caso.

Toda a información, as bases completas e os cinco anexos normalizados, do I ao V, estarán dispoñibles na web municipal concellodelugo.gal e no Portal de Transparencia e Bo Goberno do Concello.

https://concellodelugo.gal/gl/axudas-para-asociacions-de-dinamizacion-economica

Noticias relacionadas