A alcaldesa recibe á directiva da Asociación Provincial de Hostalería para abordar as principais preocupacións do sector

Venres, 02 de outubro de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A alcaldesa recibe á directiva da Asociación Provincial de Hostalería para abordar as principais preocupacións do sector
A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, recibiu no Concello, a petición da Asociación Provincial de Hostalería, ao seu presidente, Cheché Real, e aos membros da directiva Juan Agra, Jacobo García, José Luis Fernández e Manuel Fernández. Durante o encontro, no que a directiva se presentou formalmente á alcaldesa, abordáronse tamén diferentes cuestións de interese para o sector.
 
Entre os asuntos tratados, a Asociación Provincial de Hostalería solicitou unha participación activa do sector na elaboración da ordenanza de contaminación acústica, co obxectivo de que as súas achegas sexan tidas en conta no proceso. A entidade sinalou que, cando o documento foi presentado, o sector non tivo a oportunidade de coñecer previamente o seu contido nin de trasladar as súas suxestións, e trasladou a importancia de que o sector poida participar neste proceso.
 
A directiva manifestou a súa disposición a colaborar no control daqueles establecementos que poidan xerar problemas de convivencia e amosou o seu apoio á colocación de cámaras en puntos  conflitivos da cidade, como medida para mellorar o control e a seguridade. Neste sentido, indicaron que ven con bos ollos que se actúe sobre os locais que presenten incumprimentos, diferenciando estas situacións do funcionamento habitual do conxunto do sector.
 
Outro dos asuntos abordados foi a necesidade de retomar a ordenanza das terrazas. Neste sentido, a Asociación destacou a importancia de revisar e actualizar unha ordenanza que regula aspectos fundamentais para o funcionamento das terrazas, como os materiais, as distancias e outras condicións de instalación e ocupación do espazo público, co obxectivo de contar cun marco claro e axeitado ás necesidades actuais do sector e da cidade.
 
Tamén se reflexionou sobre a situación do servizo de taxi e a necesidade de contar con máis vehículos dispoñibles na cidade. Neste sentido, o Concello xa está a traballar na ampliación do número de licenzas de taxi para incrementar a oferta deste servizo.
 
Durante a reunión tamén se tratou o funcionamento da Zona de Baixas Emisións (ZBE) e as cuestións que afectan ao sector hostaleiro no seu ámbito.
 
Pola súa banda, a alcaldesa coincidiu na importancia de manter unha interlocución directa co sector hostaleiro, coñecer de primeira man as súas necesidades e analizar as cuestións que afectan ao desenvolvemento da súa actividade e á convivencia na cidade
 
Elena Candia agradeceu á Asociación Provincial de Hostalería a súa disposición ao diálogo e as achegas realizadas durante o encontro, así como a vontade de colaboración expresada pola entidade.

Noticias relacionadas