González Abelleira mantén unha mesa de traballo moi productiva cos representantes sindicais para avanzar na carreira profesional horizontal

Durante o encontro, a responsable da área trasladou aos representantes dos traballadores os contidos principais da proposta de Regulamento da Carreira Profesional Horizontal e da Avaliación do Desempeño, abrindo así unha nova fase de diálogo técnico e negociación orientada á súa futura aprobación.

Tras a xuntanza, González Abelleira anunciou que as propostas das forzas sindicais se incorporarán ao documento para manter un novo encontro  próximamente.

O sistema proposto ten como finalidade recoñecer o esforzo, a experiencia e o compromiso do persoal municipal coa mellora continua dos servizos públicos, mediante un modelo obxectivo, regulado e transparente que permita distinguir a competencia profesional individual.

Abelleira subliñou que “estamos ante unha proposta seria, dialogada e sostible, que supón un salto cualitativo na profesionalización da nosa administración local e no recoñecemento do traballo diario do persoal municipal”,  reafirmou a vontade do Goberno local de seguir avanzando no proceso negociador.

Xoves, 19 de febreiro de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
González Abelleira mantén unha mesa de traballo moi productiva cos representantes sindicais para avanzar na carreira profesional horizontal

O Executivo local, a través da concelleira responsable da Área de Xestión Integral de Recursos Internos, Ana González Abelleira, mantivo esta mañá unha mesa de traballo cos representantes sindicais do Concello de Lugo co obxectivo de continuar avanzando na implantación da carreira profesional municipal, un dos proxectos estratéxicos en materia de persoal impulsados polo Executivo. Abelleira cualificou a xuntanza como moi productiva e anunciou que moitas  das propostas que enriquecen e melloran o borrador se incorporarán ao documento para manter un novo encontro próximamente.

Durante o encontro, a responsable da área trasladou aos representantes dos traballadores os contidos principais da proposta de Regulamento da Carreira Profesional Horizontal e da Avaliación do Desempeño, abrindo así unha nova fase de diálogo técnico e negociación orientada á súa futura aprobación. González Abelleira destacou que se trata “dun proceso construído desde a escoita e a participación, no que se están a incorporar as achegas e propostas trasladadas polas organizacións sindicais ao longo dos últimos meses”.

O sistema proposto ten como finalidade recoñecer o esforzo, a experiencia e o compromiso do persoal municipal coa mellora continua dos servizos públicos, mediante un modelo obxectivo, regulado e transparente que permita distinguir a competencia profesional individual. Ao mesmo tempo, pretende reforzar a motivación ao longo da vida laboral, promover a actualización permanente de coñecementos e consolidar unha cultura organizativa baseada na corresponsabilidade co servizo público.

A carreira profesional horizontal permitirá ao persoal funcionario de carreira, interino e laboral progresar profesionalmente sen necesidade de cambiar de posto de traballo. O modelo estrutúrase en graos, cun grao inicial e catro graos adicionais (I, II, III e IV) para cada grupo ou subgrupo profesional, aos que se accederá de forma consecutiva cumprindo períodos mínimos de permanencia e superando unha avaliación obxectiva do desempeño.

O regulamento contempla ademais dous sistemas diferenciados: un ordinario, destinado ao desenvolvemento futuro da carreira profesional, e un extraordinario que permitirá recoñecer a antigüidade e os servizos prestados con anterioridade á implantación do modelo. Este mecanismo facilitará que o persoal actual poida acceder aos distintos graos en función da súa traxectoria profesional, garantindo un tratamento diferenciado respecto ao persoal de novo ingreso.

A avaliación do desempeño constitúe un elemento central do sistema, ao configurarse como o procedemento para medir e valorar a conduta profesional, o rendemento e o logro de resultados baixo principios de transparencia, obxectividade, imparcialidade e non discriminación, contribuíndo así a unha administración máis moderna, eficiente e orientada á calidade.

No ámbito económico, o complemento vinculado ao recoñecemento dos graos implantarase de forma progresiva ao longo dun período de cinco anos para garantir a sustentabilidade orzamentaria. Establécese tamén un sistema de aceleración para o persoal de maior idade, de maneira que quen estea máis próximo á xubilación poida percibir unha porcentaxe superior desde os primeiros anos, alcanzando o 100% en función dos tramos de idade establecidos.

A concelleira de Recursos Internos subliñou que “estamos ante unha proposta seria, dialogada e sostible, que supón un salto cualitativo na profesionalización da administración local e no recoñecemento do traballo diario do persoal municipal”, e reafirmou a vontade do Goberno local de seguir avanzando no proceso negociador para acadar un acordo que permita culminar a implantación dun modelo “máis xusto, motivador e adaptado ás necesidades dunha administración pública moderna”. Ademais a edila agradeceu a implicación dos representantes das persoas traballadoras así como as súas aportacións.

Coa celebración desta reunión, o Executivo municipal continúa dando pasos para materializar unha reivindicación histórica do persoal e consolidar un sistema que marcará un antes e un despois na xestión dos recursos humanos do Concello, situando ás persoas no centro da organización e reforzando a calidade dos servizos prestados á cidadanía.

Audio

  • A edil da Área de Xestión Integral de Recursos Internos, Ana González Abelleira, sobre as mesas de traballo | Descargar mp3

Multimedia

  • González Abelleira mantén unha mesa de traballo moi productiva cos representantes sindicais para avanzar na carreira profesional horizontal

Noticias relacionadas