A alcaldesa, Elena Candia, trasladoulle ao eurodeputado Adrián Vázquez os novos criterios cos que se traballa no PAI Novo Norte financiado pola UE recalcando que "ainda que os fondos veñan de Europa non significa que poidamos malgastar como se fixo nas últimas décadas; hai que planificar e decidir ben onde se inviste cada euro"

A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, mantivo un encontro de traballo co eurodeputado Adrián Vázquez para analizar o avance dos fondos europeos no municipio e reivindicou unha planificación útil na que se prioricen investimentos necesarios: “temos que aprender dos proxectos que herdamos do PSOE e do BNG e que non supuxeron ningún valor engadido para a veciñanza. Os fondos europeos son unha oportunidade, pero tamén unha responsabilidade. Non se trata de gastar por gastar, senón de aprender dos erros (impulso verde, caldas e carril bici) e de planificar proxectos con futuro, útiles para a cidadanía.”
Ao remate do encontro a concelleira de relacións institucionais, Cristina Sánz, o concelleiro de mobilidade, Antonio Ameijide, a concelleira de mercados e industria, Silvia Colmenero e María Reigosa acompañaron ao eurodeputado Adrián Vázquez, ata o novo aparcamento disuasorio de O Ceao, cuxas obras comezaron hai uns días, sendo unha das primeiras actuacións do PAI Novo Norte. O proxecto contempla 116 prazas de estacionamento e supón un investimento de arredor de 400.000 euros.
A actuación permitirá transformar o espazo que ocupaba o antigo Parque de Enerxías Alternativas que nunca funcionou e que estaba desmantelado (este proxecto fíxerase con fondos europeos polo goberno bipartito).
O proxecto está incluído no PAI Novo Norte e cofinanciado nun 60% pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desarrollo Regional (FEDER) , no marco do Programa Pluriregional de España 2021-2027, dentro da Estrategia de Desarrrollo Integrado Local (Plan EDIL).


