Meta confirma que a xestión realizada anteriormente provocou que a conta oficial de Facebook de San Froilán de Lugo, con máis de 16.800 seguidores, quedase sen un administrador efectivo

O anterior goberno do PSOE e do BNG deixou a páxina bloqueada e esta situación púxose en coñecemento da Policía Nacional

Mércores, 23 de setembro de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Meta confirma que a xestión realizada anteriormente provocou que a conta oficial de Facebook de San Froilán de Lugo, con máis de 16.800 seguidores, quedase sen un administrador efectivo

Ante as críticas realizadas hoxe polo PSOE sobre unha suposta falta de promoción do San Froilán, o Concello de Lugo quere poñer de manifesto os feitos que demostran que a difusión das festas está xa en marcha e que se intensificará nos próximos días.

Neste contexto, o Concello considera necesario dar a coñecer tamén unha situación herdada na xestión da páxina oficial de Facebook do San Froilán, que conta con máis de 16.800 seguidores.

O 5 de maio, os servizos municipais solicitaron por escrito ao anterior Goberno o traspaso dos accesos ás redes sociais vinculadas á área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, entre elas a do San Froilán.

Na resposta recibida ao día seguinte indicouse que o persoal eventual do gabinete non xestionou en ningún momento  as redes sociais (RRSS) nen as Webs e que toda xestión se fixo a través dunha empresa que pasaba factura cada mes, os datos figuran nas propias facturas.

O Concello contactou posteriormente coa empresa sinalada e esta confirmou que non dispoñía de usuario nin contrasinal da páxina, senón dunha autorización de xestión vinculada a un perfil persoal de Facebook.

A retirada dos permisos foi denunciada (adxúntanse documentos)

Tras detectar a situación e a retirada dos permisos de administración da páxina, o Concello presentou o 30 de agosto unha denuncia ante a Policía Nacional e iniciou as xestións necesarias para intentar recuperar o acceso.

O pasado 18 de setembro, Meta comunicou por escrito ao Concello que o escenario "é definitivo" e que "non é posible avanzar co proceso de disputa, xa que o único administrador do portafolio se encontra restrinxido".

Na mesma comunicación, Meta recoñeceu que "algunhas xestións realizadas anteriormente deixaron o portafolio empresarial sen un administrador con acceso efectivo, o que limita considerablemente as alternativas dispoñibles para recuperar ou xestionar os activos".

O Concello segue promocionando as festas por outras vías

A situación desta conta concreta non condiciona a campaña de promoción do San Froilán, que se está desenvolvendo a través de diferentes medios e canles.

O Concello mantén activas as súas contas oficiais de Instagram, X e YouTube e está a crear unha nova páxina oficial de Facebook para garantir tamén a continuidade da comunicación nesta plataforma.

O Concello considera relevante que, mentres se acusa ao actual Goberno de falta de promoción, a realidade é que a campaña está en marcha e ten previsto intensificarse nos próximos días, ao mesmo tempo que o actual Executivo está a resolver problemas de xestión herdados relacionados con ferramentas que deberían estar plenamente baixo control municipal, e incluso vese obrigado a asumir facturas de publicidade do San Froilán do ano pasado que están sen pagar.

Multimedia

  • Meta confirma que a xestión realizada anteriormente provocou que a conta oficial de Facebook de San Froilán de Lugo, con máis de 16.800 seguidores, quedase sen un administrador efectivo

Noticias relacionadas