O Concello impulsa unha nova plataforma dixital para revolucionar a relación electrónica da cidadanía coa administración local

A nova plataforma terá dúas finalidades principais. Por unha banda, mellorar a relación e a comunicación entre a cidadanía e a Administración e, por outra, integrar nun mesmo sistema as distintas aplicacións municipais de xestión.

Durante os meses de xaneiro e febreiro realizáronse unha serie de consultas preliminares con varias empresas do sector tecnolóxico que previamente mostraran interese en presentar o funcionamento e as capacidades das súas aplicacións informáticas.

Este proceso consultivo permitirá definir con maior precisión as necesidades do Concello e desembocará na próxima licitación do contrato, coa que o Goberno local pretende dar un salto cualitativo no achegamento da administración municipal á cidadanía.

Martes, 10 de marzo de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello impulsa unha nova plataforma dixital para revolucionar a relación electrónica da cidadanía coa administración local

O Concello de Lugo está a avanzar nun proxecto estratéxico para a contratación dunha nova plataforma de xestión integral que permitirá modernizar e actualizar un amplo conxunto de aplicacións informáticas municipais proporcionandoa ademais un aforro ás arcas municipais. O obxectivo desta iniciativa é transformar a forma na que a cidadanía se relaciona coa administración local, simplificando os trámites e proporcionando un servizo máis eficaz, áxil e inmediato tanto para veciños e veciñas como para empresas.

Esta actuación responde á vontade do Goberno municipal de avanzar cara a unha administración máis próxima, moderna e transparente, capaz de ofrecer respostas máis rápidas e reducir as cargas burocráticas que tradicionalmente acompañan aos procedementos administrativos.

A nova plataforma terá dúas finalidades principais. Por unha banda, mellorar a relación e a comunicación entre a cidadanía e a Administración, simplificando os trámites administrativos e facilitando a realización de xestións a través de medios dixitais. Por outra, integrar nun mesmo sistema as distintas aplicacións municipais de xestión —como a xestión de expedientes, a xestión tributaria, a contabilidade ou a sede electrónica— e unificar as bases de datos.

Esta integración permitirá que os distintos departamentos municipais conten cunha visión global e conxunta dos trámites que realizan os cidadáns e cidadás, evitando duplicidades, mellorando a coordinación interna e facendo máis eficiente a xestión municipal.

Desde o Goberno local subliñan que esta modernización tecnolóxica é tamén unha aposta política clara por unha administración máis accesible e transparente, na que os servizos públicos estean verdadeiramente ao servizo da cidadanía.

“Queremos un Concello que funcione mellor e que estea máis preto da xente. Modernizar a administración non é só unha cuestión tecnolóxica, senón unha forma de garantir que os veciños e as empresas poidan facer os seus trámites con menos burocracia, con máis claridade e sen perder tempo innecesariamente”, destacan desde o Executivo municipal.

No marco deste proceso, durante os meses de xaneiro e febreiro realizáronse unha serie de consultas preliminares con técnicos de cinco empresas do sector tecnolóxico —GTT, GADD, TSystems, Espublico e Spai Innova— que previamente mostraran interese en presentar o funcionamento e as capacidades das súas aplicacións informáticas que van na liña do rpoxecto municipal.

Este proceso consultivo permitirá agora definir con maior precisión as necesidades do Concello e desembocará na próxima licitación do contrato, coa que o Goberno local pretende dar un salto cualitativo no achegamento da administración municipal á cidadanía, reforzando a transparencia e simplificando a tramitación nos procedementos administrativos nos que os veciños e veciñas sexan parte interesada.

Noticias relacionadas