O +XTi impulsa novas accións formativas e leva a música á rúa con propostas dirixidas á mocidade lucense

O programa incorpora dúas accións formativas en emprendemento, comunicación e competencias dixitais que se desenvolverán nos meses de maio (días 8, 9, 15, 16, 22, 23, 29 e 30) e xuño (días 5, 6, 10, 12, 13, 25, 26 e 27).

As actividades son de balde, dirixidas a mozos e mozas a partir dos 16 anos, e requiren inscrición previa a través da web lugomasxti.org, cos prazos abertos ata o 6 de maio e o 3 de xuño, respectivamente.

As sesións na rúa terán lugar do 20 ao 23 de abril, permitindo ao alumnado do curso de DJ actuar en directo en distintos espazos da cidade.

“Seguimos creando oportunidades para que a mocidade se forme, participe e teña un papel activo na cidade”, sinala o edil de Xuventude, Jorge Bustos.

Luns, 20 de abril de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O +XTi impulsa novas accións formativas e leva a música á rúa con propostas dirixidas á mocidade lucense

O Concello de Lugo, a través da Concellería de Xuventude e coa colaboración do Plan Nacional sobre Drogas, continúa desenvolvendo a programación do +XTi 2026 con novas accións formativas e propostas de ocio participativo, dirixidas a favorecer tanto a empregabilidade como a participación activa da mocidade na vida da cidade.

Neste sentido, o concelleiro de Xuventude, Jorge Bustos, destacou que “o +XTi é unha ferramenta para acompañar á mocidade no seu desenvolvemento persoal e profesional, ofrecendo formación útil en ámbitos clave e, ao mesmo tempo, espazos reais onde aplicar o aprendido e expresarse”.

Formación +XTi: dúas accións complementarias

O programa incorpora o itinerario Formación +XTi, composto por dúas accións independentes pero complementarias, cun total de 30 horas cada unha, que se desenvolverán no CEI-Nodus.

A primeira acción, centrada na creatividade e o emprendemento, terá lugar os días 8, 9, 15, 16, 22, 23, 29 e 30 de maio, en horario de venres de 16:00 a 20:00 horas e sábados de 10:00 a 13:30 horas. Os contidos inclúen creatividade e validación de ideas, modelo de negocio e finanzas básicas, marketing dixital e vendas, así como branding e marca persoal. O prazo de inscrición estará aberto ata o 6 de maio ás 19:00 horas.

A segunda acción, enfocada na comunicación e as ferramentas dixitais, desenvolverase os días 5, 6, 10, 12, 13, 25, 26 e 27 de xuño, en horario de mércores e venres de 16:00 a 20:00 horas e sábados de 10:00 a 13:30 horas. Inclúe formación en comunicación eficaz e oratoria, ferramentas de produtividade e traballo na nube, así como seguridade dixital e privacidade. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 3 de xuño ás 19:00 horas.

Ambas accións son de balde, contan con 12 prazas cada unha e requiren inscrición previa a través da web lugomasxti.org.

Sesións na rúa: a formación chega aos escenarios

Como peche práctico do curso de DJ xa desenvolvido nas últimas semanas dentro do programa +XTi, o alumnado participará nas Sesións na rúa, levando a música en directo a distintos espazos públicos da cidade.

Esta proposta permite dar continuidade ao traballo realizado durante a formación, ofrecendo aos participantes a oportunidade de actuar ante o público e formar parte activa da programación cultural xuvenil.

As sesións celebraranse en horario de 17:00 a 22:00 horas nas seguintes localizacións:

  • 20 de abril – Praza Agro do Rolo
  • 21 de abril – Praza Horta do Seminario
  • 22 de abril – Praza Augas Férreas
  • 23 de abril – Paseo do Miño

Os DJs confirmados son: Angel, DDJ, Gensys, Leduc, DJ Naya, Nugon, SLP, Sune, Tweed Drop e Val-G.

Multimedia

  • O +XTi impulsa novas accións formativas e leva a música á rúa con propostas dirixidas á mocidade lucense

Noticias relacionadas