Domingo 14 de xuño de 2026.- A cidade de Lugo volveu converterse este domingo no punto de encontro das antigas capitais do Reino de Galicia coa celebración da tradicional Ofrenda do Antigo Reino ao Santísimo Sacramento, unha cerimonia única, declarada Ben de Interese Cultural, que constitúe unha das expresións máis singulares do patrimonio histórico, cultural e institucional galego.

A xornada comezou coa recepción oficial na Casa do Concello, presidida pola alcaldesa de Lugo, Elena Candia, na que participaron o alcalde de Tui e oferente deste ano, Enrique Cabaleiro González, e o alcalde de Mondoñedo, Manuel Ángel Otero. As cidades da Coruña, Betanzos, Ourense e Santiago de Compostela estiveron representadas por membros das súas respectivas corporacións municipais.
Durante o acto houbo intercambio de agasallos institucionais entre a alcaldesa de Lugo e o alcalde de Tui, así como a sinatura no Libro de Honra do Concello por parte do Delegado Rexio.
Tras a recepción institucional, a comitiva desprazouse ata a Catedral de Lugo, onde tivo lugar a solemne misa e a tradicional Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento, realizada este ano polo alcalde de Tui en representación das sete antigas capitais históricas galegas.
Na celebración participaron o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; a vicepresidenta do Parlamento de Galicia, Raquel Arias; a conselleira do Medio Rural, María José Gómez; senadores por Lugo, deputados nacionais, autonómicos e provinciais, o delegado territorial da Xunta en Lugo, a subdelegada do Goberno, membros da Corporación municipal de Lugo, así como representantes das forzas e corpos de seguridade do Estado, autoridades militares e representantes de distintas institucións civís e relixiosas.
A Ofrenda ten a súa orixe no voto solemne realizado polas sete cidades do Antigo Reino de Galicia no ano 1669 . Desde entón, os representantes das antigas capitais galegas renovan cada ano este compromiso, convertendo Lugo no escenario dunha tradición única que forma parte da memoria colectiva de Galicia.
Trala celebración na Catedral tivo lugar a procesión.
A dimensión patrimonial da xornada estivo presente ao longo de toda a celebración. A música tradicional acompañou a comitiva coa interpretación da Marcha Solemne do Antigo Reino de Galicia. Os Xílgaros abriron a procesión, mentres que a Asociación Cultural e Xuvenil do Traxe Tradicional de Tui pechou a comitiva.
Durante o percorrido tiveron tamén un especial protagonismo as danzas procesionais de arcos e de castañolas interpretadas pola Escola de O Xeito. Os tradicionais arcos de cores, inspirados no Arco da Vella, ofreceron unha das estampas máis características dunha celebración que combina historia, simbolismo e tradición.
A procesión contou ademais coa participación de integrantes do grupo etnográfico Traxandaina, que luciron traxes tradicionais, contribuíndo a poñer en valor unha parte esencial do patrimonio inmaterial de Galicia. Neste contexto, a propia alcaldesa de Lugo participou no acto vestindo un traxe tradicional galego cedido por Traxandaina, nun xesto de respecto e compromiso coa preservación das tradicións e dos sinais de identidade que forman parte do legado cultural do noso país.
A alcaldesa destacou a importancia de seguir preservando e promovendo esta cerimonia, declarada Ben de Interese Cultural, por constituír un legado único que forma parte da historia de Galicia e da identidade da cidade de Lugo. Unha celebración que representa o pasado, o presente e o futuro dunha tradición que, máis de tres séculos despois do seu nacemento, continúa plenamente viva grazas ao compromiso das institucións e da cidadanía.











