Elena Candia: o noso goberno ten un reto,queremos que o valor do que definimos como un dos patrimonios inmateriais que ten a cidade (o Arde Lucus) teña presenza os 365 días do ano; aproveitaremos a investigación e o traballo das Asociacións de Recreación histórica dándolles un espazo físico no MIHL.
Presentamos o Arde Lucus no lugar onde conflúen os tres patrimonios mundiais porque son precisamente a nosa historia e o noso patrimonio os que fan posible unha festa única como esta".
“Durante catro días, do 18 ao 21 de xuño, Lugo converterase nun gran escenario vivo no que todos poderemos vivir a historia, a cultura e a recreación histórica en cada recuncho da cidade”.

O goberno de Lugo presentou a programación do Arde Lucus 2026 nun escenario especialmente simbólico: a contorna da Catedral, aos pés da Muralla e no trazado do Camiño Primitivo, o punto onde conflúen os tres patrimonios mundiais que distinguen á cidade. A elección deste espazo responde á vontade de vincular a celebración coa historia, o patrimonio e a identidade de Lugo, elementos que dan sentido a unha festa que durante catro días transformará a cidade na antiga Lucus Augusti.
A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, acompañada polos concelleiros de xuventude e deportes, Damián Carballo, de Cultura e Educación, Javier Vázquez e de turismo e museos, Agustín Gallego, así como representantes de diferentes asociacións de recreación histórica deron a coñecer unha programación especial para conmemorar o XXV aniversario da festa, unha edición bautizada como Annus Argenteus que volverá converter as rúas da cidade nun gran escenario de recreación histórica.
O programa reúne máis de 300 actividades ao longo de catro xornadas e inclúe recreacións históricas, desfiles, espectáculos de rúa, concertos, obradoiros, actividades infantís, exposicións e propostas participativas repartidas polos distintos campamentos e espazos da cidade.
Entre as novidades desta edición destaca a incorporación de Celtica Pipes Rock e Grimorium á programación musical. Celtica Pipes Rock actuará o sábado pola noite na Praza de Santa María cun espectáculo que fusiona música celta e rock, mentres que Grimorium achegará ao Arde Lucus unha proposta escénica baseada na percusión, o lume e a animación de rúa. Xunto a eles, Abraham Cupeiro será o encargado de poñer o broche final á programación musical da festa o domingo.
Outra das novidades será a ampliación do Circus Maximus, un dos actos máis multitudinarios da celebración, que nesta edición contará cunha terceira sesión nocturna para facilitar a asistencia do público e ampliar a oferta de espectáculos.
Entre os actos máis destacados figuran a chegada das lexións romanas e o acendido do lume sagrado de Vesta, que marcarán o inicio da festa o xoves; a Asemblea Galaica e a Declaración de Guerra; a recepción de tropas e tribos estranxeiras; o gran desfile de tropas romanas e tribos castrexas arredor da Muralla; o Nacemento dun pobo galaico-romano; os bautismos e vodas celtas; as sesións do Senado; o Asalto ao Monte Medulio; as loitas de gladiadores e o apagado do lume sagrado que pechará a celebración o domingo pola noite.
A dimensión internacional volverá ser unha das características desta edición. Lugo recibirá agrupacións procedentes de distintos puntos de Galicia, Asturias, León, A Rioxa, Cartaxena e Romanía, que participarán na recepción oficial de tropas e tribos estranxeiras e noutras actividades da programación.
A música, a percusión, o teatro e os espectáculos itinerantes volverán ter unha presenza destacada da man de compañías como Tambukada, Tympana Galaica, Vulcano, Malatitsch, Kaltie, Trip Malabar e outras formacións que percorrerán as rúas do centro histórico ao longo de toda a celebración.
Máis info


