O Concello de Lugo apoia a cuarta edición do Mariñas Sound, que reunirá a máis de 10.000 persoas durante as dúas xornadas

O festival, creado e impulsado por xente moza, celebrarase os días 2 e 3 de outubro no Pazo de Feiras e Congresos cunha programación que incorpora a MVRK como un dos seus principais reclamos

Martes, 29 de setembro de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo apoia a cuarta edición do Mariñas Sound, que reunirá a máis de 10.000 persoas durante as dúas xornadas
O Mariñas Sound chega á súa cuarta edición cunha proposta  que xa conseguiu consolidarse entre a mocidade da cidade. O festival, que conta co apoio do Concello de Lugo, celebrarase os días 2 e 3 de outubro no Pazo de Feiras e Congresos.
 
A organización destaca que esta cuarta edición supón “un salto de calidade enorme” respecto das anteriores e confía en reunir máis de 10.000 persoas ao longo das dúas xornadas, consolidando así o festival como unha das citas musicais vinculadas á chegada do San Froilán.
 
Na presentación participaron o CEO Bruno Castro Souto, Jaime Larrabe Vilariño, encargado de produción, e Daniel Almoina Martínez, artista emerxente que forma parte do cartel.
 
O festival ofrecerá dúas xornadas de programación musical. O venres 2 de outubro actuarán 8BELIAL, Kristina, LG1DO, Yung Brandy, Sneaky Wh, 9Collazo9, Xmaseda, Sote, Da Rossi, Zero Delay, Betty Bunny, Dkprichos, Elegnelo, Yng Almo, Ene Rxt e D10z.
 
O sábado 3 de outubro, a programación contará con MVRK, Guxo, Tarchi, entre outros artistas.
 
A presenza de MVRK constitúe unha das novidades máis destacadas desta edición. Desde a organización subliñaron tamén a dificultade que supuxo conseguir traer a Lugo a este artista, nunha aposta por ampliar o nivel e o atractivo da programación.
 
O concelleiro de cultura, Javier Vázquez, destacou a capacidade do Mariñas Sound para medrar desde unha iniciativa impulsada por xente nova e converterse nunha cita que se gañou un sitio no calendario cultura da cidade. “Detrás do Mariñas Sound hai mozos que tiveron a iniciativa de crear unha proposta propia, chegar a unha cuarta edición e facelo cunha programación deste nivel demostra que hai xente nova con ideas e con capacidade para impulsar proxectos en Lugo”.
 
A cuarta edición do festival volverá reunir así en Lugo a artistas emerxentes e nomes xa consolidados nunha programación dirixida especialmente ao público novo e que amplía a oferta musical da cidade nos días previos ao San Froilán.

Noticias relacionadas