A programación desenvolverase ata o domingo 11 de outubro no Espazo RelembrA e na Oficina de Turismo da Xunta de Galicia, no Centro de Interpretación do Camiño, con todas as actividades de balde.
Sábado, 03 de outubro de 2026
Fonte:
Gabinete de Prensa

A X edición de «Cultura e Tradición no Camiño» arrinca mañá, domingo 4 de outubro, cunha programación que combinará ao longo de toda a semana obradoiros de artesanía e oficios tradicionais, actuacións musicais e exposicións, achegando á cidadanía diferentes manifestacións da cultura e da tradición galegas.
As actividades desenvolveranse nas instalacións d o Espazo RelembrA e da Oficina de Turismo da Xunta de Galicia, o Centro de Interpretación do Camiño situados na rúa do Miño, números 12 e 14. Os obradoiros terán lugar de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 19.00 horas, mentres que as actuacións musicais serán cada día de 19.00 a 20.00 horas. Todas as actividades serán de balde e sen custo para as persoas participantes, e o Espazo RelembrA contará tamén con entrada gratuíta.
Artesanía e oficios tradicionais
A programación comezará mañá con Cestería de colmo I, a cargo de Álvaro M. Leiro , laureado co Premio Nacional de Artesanía; Cestería de vimbio I, con Beatriz Valín, e un obradoiro demostrativo de elaboración de velas artesás, impartido por Alberto Uria. Os obradoiros que así o indican requiren inscrición previa a través do correo traxandaina@gmail.com.
Durante os seguintes días sucederanse diferentes propostas vinculadas aos oficios tradicionais. O luns 5 continuarán os obradoiros de cestería de colmo e vimbio; o martes 6 será a quenda da cestería de colmo e do bordado tradicional de agremán; o mércores 7 continuarán os traballos de bordado e incorporarase a tinguiduría tradicional.
O xoves 8 comezarán os obradoiros colectivos de ourivaría e de iniciación ao tapiz, que terán continuidade os días 9 e 10 xunto ás propostas de tapiz artístico e fiado á man e escarpiños de agulla, a cargo da Asociación Bolboreta Fiandeira.
Miro Casabella abre mañá o programa musical
A programación musical comezará mañá, ás 19.00 horas, na igrexa de San Pedro, coa actuación de Miro Casabella Ensamble, que ofrecerá unha proposta dedicada ás cantigas de Alfonso X o Sabio.
Casabella é unha figura ligada á recuperación e difusión da música tradicional galega e está considerado mestre e músico pioneiro na interpretación da zanfona. A súa traxectoria musical estivo tamén vinculada á recuperación e interpretación de repertorios medievais, incluíndo composicións relacionadas con Alfonso X.
O programa musical continuará o luns 5 coa actuación do Grupo de Zanfonas da TradiEscola; o martes 6, con Xisco Feijóo e «A voz do esforzo: Cantares do traballo na tradición galega»; o mércores 7, con Cantos de cego; o xoves 8, con As Cegas de Ouselle: «As Cegas da Montaña»; o venres 9, con Caruncho, tamén con cantos de cego, e o sábado 10, con Suso Vaamonde, coa mesma temática.
As xornadas rematarán o domingo 11 de outubro, Día do Camiño Primitivo, coa clausura a cargo da Asociación Cultural Camiño Primitivo de Baleira.
Exposicións no Espazo RelembrA
As persoas que se acheguen ás xornadas poderán visitar tamén diferentes exposicións vinculadas á cultura tradicional como traballos de tear do Grupo Etnográfico Traxandaina e outra de vestimenta tradicional da mesma entidade.
As exposicións poderán visitarse segundo o horario das actividades e a entrada ao Espazo RelembrA (Museo) será gratuíta.
A X edición de «Cultura e Tradición no Camiño» permitirá así achegar durante toda a semana diferentes técnicas artesanais, oficios tradicionais, música e manifestacións da cultura galega, nunha programación que se desenvolverá paralelamente ás festas do San Froilán.

