Lugo recibe a mostra «Cores do mundo» da man da Fundación ”la Caixa”

A instalación da exposición fotográfica, que reúne 42 imaxes de prestixiosos fotógrafos de National Geographic, xa comezou na contorna do Cuartel de San Fernando e poderá visitarse desde este venres, 30 de outubro, ata o 11 de decembro.

Luns, 26 de outubro de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo recibe a mostra «Cores do mundo» da man da Fundación ”la Caixa”
A instalación da exposición fotográfica «Cores do mundo», impulsada pola Fundación ”la Caixa” en colaboración co Concello de Lugo, xa comezou na contorna do Cuartel de San Fernando. A mostra poderá visitarse desde este venres, 30 de outubro, ata o 11 de decembro, cunha proposta a pé de rúa que convida a descubrir a diversidade paisaxística e cultural do planeta a través da fotografía.
 
A nosa vida cotiá nas cidades está chea de tons metalizados, brancos, negros e grises. Con todo, o noso planeta é un verdadeiro mosaico de cores. Baixo esta premisa, a exposición reúne 42 imaxes que son toda unha homenaxe á diversidade paisaxística, ás tradicións e ás culturas da Terra.
 
Mediante instantáneas únicas que percorren recunchos desde Nova Guinea ata Chile, pasando pola India ou a República do Congo, a mostra permite encher as rúas de cor.
 
A cor é un elemento constante con gran capacidade de influencia nas nosas emocións. Esta exposición a pé de rúa reivindica ese valor único e convértese nun canto á beleza composta por múltiples tons e matices, captados con mestría por prestixiosos fotógrafos de National Geographic, como Brian J. Kerry, Steve Winter, Jodi Cobb, Bruce Dale, Michael Nichols ou Joel Sartore.
 
En cada unha desas cores —os azuis grisáceos, os vívidos vermellos ou os intensos verdes—, os visitantes atoparán unha reflexión inspiradora sobre o seu significado, as súas calidades e o seu simbolismo ao longo da historia.
 
O programa «Arte na rúa» da Fundación ”la Caixa” busca achegar a expresión artística ás persoas fóra do marco habitual dos museos e das salas expositivas, convertendo as cidades en museos ao aire libre. Deste xeito, achega a obra de artistas contemporáneos de renome internacional e referentes da modernidade nun formato que vincula cultura e cidade.

Noticias relacionadas