O pianista e compositor galego presentará «Nova Botánica» o domingo 8 de novembro, ás 19:30 horas, nun concerto organizado pola Concellería de Cultura dentro da 36ª edición do festival.

O Círculo das Artes acolleu a presentación da 36ª edición do Festival de Jazz de Lugo, organizado por Escobijazz co patrocinio do Concello de Lugo, que se celebrará do 4 ao 14 de novembro con concertos de destacadas figuras da escena internacional e propostas que amosan a diversidade e a riqueza deste xénero musical.
Entre as actividades desta edición destaca o concerto de Abe Rábade, que presentará o seu último traballo, «Nova Botánica», o domingo 8 de novembro, ás 19:30 horas, no Auditorio Fuxan os Ventos. A actuación está organizada pola Concellería de Cultura dentro da programación do festival e terá entrada gratuíta, libre ata completar a capacidade da Sala Principal e por orde de chegada.
Con «Nova Botánica», o pianista e compositor galego propón unha viaxe musical na que converxen a tradición galega, o jazz e a música de cámara, coa vexetación autóctona de Galicia como fío condutor. A obra combina diferentes sensibilidades musicais e establece un diálogo entre a paisaxe, a memoria e a identidade, explorando os vínculos entre a cultura tradicional e a creación contemporánea.
Abe Rábade é pianista, compositor e improvisador, cunha traxectoria de máis de dúas décadas na que desenvolveu unha linguaxe propia, situada na confluencia do jazz, a música tradicional galega, a música de cámara e a composición contemporánea.
Un festival con figuras internacionais
A 36ª edición do Festival de Jazz de Lugo reunirá artistas de recoñecida proxección internacional como Paquito D'Rivera, Kenny Barron, James Carter, Erik Truffaz xunto a Antonio Lizana e Takuya Kuroda, entre outros. Os concertos desenvolveranse en diferentes espazos da cidade, como o Círculo das Artes, o Auditorio Fuxan os Ventos, o Club Clavicémbalo e a Casa do Saber.
O festival consolídase así como unha das citas culturais destacadas do outono lucense, cunha programación que combina grandes nomes internacionais con propostas de diferentes procedencias e estilos.
A venda anticipada en liña das entradas para os concertos do Círculo das Artes comezou este martes ás 18:00 horas. A programación completa pode consultarse na web jazzlugo.com.
Coa súa colaboración nesta nova edición, o Concello de Lugo mantén o seu apoio á programación cultural da cidade e á celebración de propostas musicais que permiten achegar o jazz a diferentes públicos e ofrecer á cidadanía a oportunidade de gozar de actuacións de calidade en distintos espazos culturais.


