O Concello incorpora por primeira vez ao San Froilán  módulos de aseo dotados de máis espazo e prestacións

32 cabinas sanitarias convencionais completan o dispositivo para estas festas

Venres, 02 de outubro de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello incorpora por primeira vez ao San Froilán  módulos de aseo dotados de máis espazo e prestacións

O Concello de Lugo incorpora por primeira vez ao San Froilán catro módulos de aseos atendidos e de uso gratuíto, unha novidade que permitirá contar durante as festas con espazos de maiores dimensións e con máis prestacións que as cabinas sanitarias convencionais.

Os novos módulos dispoñen no seu interior de aseos diferenciados para homes e mulleres, aseos adaptados para persoas con diversidade funcional e, en dous deles, cambiabebés e quentabiberóns. Ademais, estarán atendidos por persoal encargado da limpeza e desinfección durante o seu funcionamento.

Un dos módulos, de tipo A, estará situado en García Portela, preto da noria. Conta con tres inodoros, dous lavabos e un urinario na zona de homes; seis inodoros e dous lavabos na zona de mulleres, ademais dun inodoro adaptado con rampla para persoas con diversidade funcional. Este módulo incorpora tamén cambiabebés e quentabiberóns.

Outro dos módulos estará situado na contorna da Praza Horta do Seminario. Trátase dun espazo duns 7,5 metros, con tres lavabos compartidos, cinco inodoros para mulleres e cinco para homes, ademais dun aseo completo adaptado para persoas con diversidade funcional.
 
O terceiro módulo, tamén duns 7,5 metros, estará inicialmente no segundo bancal das Costas do Parque, na zona do Pavillón Municipal de Deportes. Dispón de tres inodoros e dous lavabos para mulleres, tres inodoros e dous lavabos para homes, así como dun aseo completo adaptado.
 
Este módulo será trasladado o 12 de outubro á zona de San Fiz, onde estará operativo durante a verbena. Para esa xornada tamén se instalará un cuarto módulo específico, que contará con tres inodoros, dous lavabos e un urinario na zona de homes; cinco inodoros e dous lavabos na zona de mulleres, así como un aseo adaptado con rampla, cambiabebés e quentabiberóns.
 
Horarios adaptados ás xornadas de maior actividade
Os módulos atendidos estarán operativos en diferentes horarios en función das xornadas. Os días 4, 9, 10 e 11 de outubro funcionarán de 12:00 a 01:00 horas; os días 5 e 12, de 12:00 a 23:00 horas, e os días 6, 7 e 8, de 17:00 a 23:00 horas.
 
No caso do módulo que se trasladará a San Fiz, o día 12 estará operativo na zona das orquestras entre as 19:00 e as 24:00 horas.
 
32 cabinas sanitarias convencionais completan o dispositivo
A estes módulos súmanse 32 cabinas sanitarias convencionais, que se distribuirán entre o recinto feiral e os diferentes espazos nos que se desenvolverán concertos e actividades durante as festas.
 
No recinto feiral instalaranse 18 cabinas, distribuídas entre Rodríguez Mourelo, Puro Cora, o parque Rosalía de Castro, Vila de Foz, a lonxa do Pavillón e Camiño das Costas. Parte delas estarán adaptadas para persoas con mobilidade reducida.
 
Nos espazos destinados a concertos e actividades instalaranse outras 14 cabinas, distribuídas entre a Praza Horta do Seminario, o patio do Edificio Administrativo do Concello, Praza de Santa María, Praza de Santo Domingo, Praza da Soidade e a rúa Luis Peña Novo.
 
Así, o San Froilán contará este ano cunha combinación de cabinas sanitarias repartidas polos diferentes espazos das festas e  módulos e dotados de máis espazo e prestacións, que incorporan por primeira vez este tipo de servizo ás festas.

Noticias relacionadas