O programa inclúe a instalación dun xadrez xigante, tabreiros convencionais, asistencia de monitores e un gran torneo de clausura o vindeiro domingo 14 de xuño.

A Concellería de Cultura do Concello de Lugo vén de anunciar o lanzamento dunha nova edición do programa "Xadrez na rúa" e a celebración do Torneo "Festa Final do Xadrez". Con esta iniciativa, o Goberno local busca ofrecer alternativas de lecer deportivo e educativo en espazos públicos de referencia, facilitando ao mesmo tempo a conciliación da vida laboral e persoal das familias lucenses durante o mes de xuño.
Dende a área de Cultura destacaron que os obxectivos estratéxicos deste proxecto pasan por fomentar actividades educativas abertas na cidade, crear espazos de encontro para o deporte en familia, impulsar a convivencia entre a mocidade e promover hábitos de vida saudables a través desta disciplina mental.
"Xadrez na rúa": Tabreiros abertos durante todo o mes
A actividade ordinaria situarase na contorna do palco da música da Praza Maior dende o 1 ata o 30 de xuño. O espazo estará operativo de luns a venres, en horario de 18:00 a 20:00 horas.
Para o desenvolvemento das xornadas, instalarase un tabreiro de xadrez xigante xunto a varios xadreces convencionais. Así mesmo, o Concello porá a disposición da cidadanía monitores especializados encargados de achegar este deporte aos veciños e veciñas, ensinar as normas básicas a quen queira iniciarse e dinamizar as partidas. Esta actividade é totalmente gratuíta e non require de inscrición previa.
Gran Torneo "Festa Final"
Como broche de ouro ao programa, o domingo 14 de xuño, a Praza Maior acollerá o Torneo Festa Final dende as 16:00 ata as 19:30 horas. A organización informou de que, no caso de que as condicións meteorolóxicas resulten adversas, a competición trasladarase aos sotos da Praza de Abastos.
O torneo disputarase baixo un ritmo de xogo de 10 minutos máis 3 segundos de incremento por xogada. Establécense dúas grandes modalidades: unha para xogadores con clasificación internacional (ELO FIDE) e un formato Open sen clasificación internacional dividido nas categorías Sub 8, Sub 10, Sub 12, Sub 14 e Absoluto. Os tres primeiros clasificados de cada categoría recibirán un trofeo institucional, mentres que todos os demais participantes serán recoñecidos cunha medalla de recordo.
Inscricións e requisitos técnicos
A participación no torneo é totalmente de balde. Os interesados terán de prazo ata o venres 12 de xuño ás 20:00 horas para formalizar a súa inscrición a través de tres vías: entregando o formulario directamente ao monitor do seu centro escolar, remitindo un correo electrónico a escolaluguesaxadrez@gmail.com ou cubrindo o formulario dixital habilitado na seguinte ligazón: https://forms.gle/LAfxgMSGUxSwWeh89.
Como requisito obrigatorio, todos os participantes deberán estar federados. Para aqueles que non dispoñan de licenza, a Escola Luguesa de Xadrez tramitará a súa alta no club de xeito totalmente gratuíto, debendo os xogadores marcar dita opción no momento de inscribirse.
Dende a organización lémbrase que o control de asistencia presencial o día do torneo realizarase estritamente de 16:00 a 16:15 horas. Aqueles xogadores que non se presenten nese intervalo quedarán excluídos da primeira rolda e incorporaranse á competición a partir da segunda quenda.



