O Lugo Music Festival ’26 reúne en Lugo música e talento de diferentes estilos e países do 18 ao 22 de agosto

A quinta edición contará con arredor de 150 músicos, na súa maioría lucenses, e ofrecerá propostas de música clásica, tradicional, popular urbana, rock, jazz...

Luns, 17 de agosto de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Lugo Music Festival ’26 reúne en Lugo música e talento de diferentes estilos e países do 18 ao 22 de agosto

Lugo, 17 de agosto de 2026.- Lugo prepárase para vivir, do 18 ao 22 de agosto, unha nova edición do Lugo Music Festival ’26, que chega á súa quinta edición cunha programación que reunirá arredor de 150 músicos, na súa maioría lucenses, entre profesionais e novos talentos.

O festival, que conta co apoio do Concello de Lugo, combina concertos, formación e competición, cunha programación que permitirá gozar de estilos moi diversos, desde a música clásica e tradicional ata a música popular urbana  ou jazz.

Unha das novidades desta edición será a apertura do Festival, por primeira vez, na Praza Maior de Lugo. Será mañá, martes 18 de agosto, ás 20.00 horas, co concerto inaugural de músicas populares urbanas e tradicionais a cargo da Banda Sinfónica.

O resto da programación desenvolverase en espazos emblemáticos como o Círculo das Artes, configurando un percorrido musical por diferentes puntos da cidade.

Un certame con participación internacional

O Lugo Music Festival ten ademais unha importante vertente formativa e competitiva a través do V Curso-concurso de Dirección Musical, no que participan directores procedentes de diferentes puntos do mundo e que culminará coa elección do mellor director desta edición.

Entre os participantes figuran músicos chegados de diferentes puntos de España e de Bélxica, Ucraína ou Londres, entre outros lugares, o que achega ao festival unha dimensión internacional e converte Lugo durante estes días nun punto de encontro para a formación e o intercambio de coñecementos musicais.

A dirección desta edición correrá a cargo de Cristóbal Soler, figura de recoñecido prestixio no ámbito da dirección musical, que foi durante unha década director do Teatro Real de Madrid e que actualmente dirixe a Banda Municipal de Valencia.

Cinco días de música

A programación continuará o mércores 19 de agosto, ás 20.00 horas, no Círculo das Artes, cun recital de solistas con Gerald Vázquez, ao piano, clarinete e arpa, e Iria Estévez, como cantante.

O xoves 20, ás 20.00 horas, a Praza Maior acollerá o concerto do Ensemble Xuvenil de Ventos, coa participación de Tabea Graser, que actuará con novo repertorio o venres 21 no Círculo das Artes, ás 20.00 horas, acompañada polo Grupo de Corda e Piano.

O festival pecharase o sábado 22 de agosto, ás 20.00 horas, no Círculo das Artes, cun concerto de clausura do Grupo de Corda e Piano. Esta última xornada acollerá tamén a gran final do V Curso-concurso de Dirección Musical, unha mostra de swing con Nati & Jose Swing e a intervención do saxofonista solista Kike López.

A programación completarase con ensaios abertos de mércores a venres, permitindo ao público coñecer tamén o traballo de preparación que realizan os músicos.

O Lugo Music Festival ’26 ofrece así cinco días de música, formación e talento, combinando a participación de músicos lucenses con artistas e directores procedentes de diferentes países e achegando á cidade unha programación aberta a diferentes estilos e públicos.

Noticias relacionadas