A xornada inaugural reunirá na cidade a representantes institucionais, asociacións de Amigos do Camiño e especialistas e terá continuidade o día 6 en Mondoñedo

O Concello de Lugo acolleu este mércores a presentación das XIX Xornadas do Peregrino “Abrindo Camiño”, que se celebrarán os días 5 e 6 de setembro, coa xornada inaugural na cidade de Lugo e continuidade ao día seguinte en Mondoñedo. A cita enmárcase no Congreso/Encontro Xacobeo en Galicia e estará dedicada aos Camiños de Santiago do Norte.
Na presentación participaron a alcaldesa de Lugo, Elena Candia; o presidente da Asociación “Abrindo Camiño” de Mondoñedo e vicepresidente por Galicia da Agrupación do Camiño de Santiago do Norte, José Luis Fernández Ansedes; e o concelleiro de Cultura do Concello de Mondoñedo, Alberto García Fernández.
Ao acto asistiron tamén Daniel Vázquez Vila, codirector do documental que destaca a trayectoria social e educativa dunha mestra mindoniense vinculada á colectividade galega na Habana; membros da xunta directiva da Asociación “Abrindo Camiño”; Pilar Falcón Falcón, presidenta da Asociación de Periodistas Gallegos en Madrid; e representantes da produtora Animatium, entre outros.
As xornadas reunirán representantes institucionais, asociacións de Amigos do Camiño, especialistas e persoas vinculadas ao estudo, conservación e divulgación das rutas xacobeas. O encontro permitirá abordar os retos e novas perspectivas dos Camiños de Santiago do Norte, así como diferentes iniciativas relacionadas co patrimonio xacobeo e co vindeiro Ano Santo Xacobeo 2027.
Lugo acolle a xornada inaugural
A programación comezará o sábado 5 de setembro en Lugo cunha recepción na Catedral Basílica, seguida dunha visita guiada ao Museo Diocesano e Catedralicio e dun percorrido polo adarve da Muralla Romana.
Pola tarde, O Vello Cárcere acollerá a inauguración oficial das xornadas e diferentes mesas de análise e debate sobre os Camiños de Santiago. Participarán representantes de asociacións de Euskadi, Cantabria, Asturias e Galicia, así como representantes institucionais vinculados ás distintas rutas xacobeas.
A xornada pecharase cun concerto da Banda Municipal de Música de Lugo.
O domingo 6 de setembro, a programación continuará en Mondoñedo, con proxeccións de audiovisuais vinculados aos camiños de peregrinación, visitas guiadas, intervencións relativas á historia e patrimonio dos camiños e unha Romería Xacobea.
Unha mirada á historia da emigración galega
As xornadas inclúen tamén a presentación do documental “Andrea López Chao, o legado dunha mestra galega en Cuba”. O documental estrearase o 27 de outubro no Salón Teatro-Centro Dramático Galego de Santiago de Compostela.
As XIX Xornadas do Peregrino “Abrindo Camiño” contan coa colaboración do Concello de Lugo, Concello de Mondoñedo, Deputación de Lugo, Diocese de Lugo, Diocese de Mondoñedo-Ferrol, Xunta de Galicia, Xacobeo 2027 e RTV Camiño de Santiago, xunto con outras entidades e asociacións vinculadas á promoción e divulgación dos Camiños de Santiago.


