A corporación municipal celebrou sesión da comisión de festas con representación de todos os grupos municipais para seguir a traballar nun San Froilán máis aberto, máis participativo e por e para todos os lucenses.

O Goberno local deu hoxe un novo paso na organización do San Froilán 2026 coa celebración da Comisión de Festas, na que trasladou a súa vontade de impulsar un modelo máis aberto, participativo e accesible, para que a principal celebración de Lugo siga medrando sen perder a súa esencia e para que cada lucense sinta o San Froilán como algo propio
As festas celebraranse do 4 ao 12 de outubro, mentres que o recinto feiral abrirá as súas portas o 26 de setembro e permanecerá en funcionamento ata o remate do San Froilán.
Un dos primeiros acordos adoptados foi manter os prezos do polbo, os cachelos, o pan e o viño nas casetas, unha proposta formulada polo Goberno municipal e coa cal o Executivo reafirma o seu compromiso cun San Froilán accesible, mantendo os prezos actuais nas casetas tras o incremento aplicado na pasada edición e evitando un novo encarecemento para as familias lucenses.
A Comisión serviu tamén para dar conta do intenso traballo de planificación que o Concello vén desenvolvendo desde hai meses. O xefe do Servizo de Cultura informou de que xa se atopan en licitación os contratos correspondentes aos escenarios, son e iluminación, medios auxiliares, servizos de loxística, carpas, iluminación ornamental e maquetación e impresión do programa oficial, mentres que outros contratos seguirán a súa tramitación nas próximas semanas conforme ao calendario previsto ou continúan vixentes ao tratarse de contratos plurianuais.
Outro dos eixos da nova etapa será a recuperación do concurso aberto para a elección do cartel anunciador do San Froilán, abrindo a participación a todas as persoas creadoras que desexen contribuír á imaxe das festas. O Goberno considera que este modelo de concurso aberto reforza a transparencia, a igualdade de oportunidades e a participación, garantindo que a obra gañadora sexa elixida exclusivamente pola súa calidade e polos criterios técnicos establecidos polo xurado.
No transcurso da Comisión abordáronse igualmente distintas propostas relativas ao desenvolvemento da programación e aos aspectos sociais das festas. Neste ámbito, o Goberno manifestou a súa disposición a continuar facilitando o acceso ás atraccións do recinto feiral a entidades que traballan con persoas en situación de vulnerabilidade, mantendo a liña de colaboración desenvolvida nas últimas edicións.
Asemade, o Goberno traballa para reforzar todos aqueles elementos que forman parte da identidade do San Froilán e que xeración tras xeración converteron estas festas nun referente popular: a música, a animación de rúa, a gastronomía, a cultura popular, os espectáculos e todas aquelas tradicións que fan recoñecible o San Froilán dentro e fóra de Lugo.
O concelleiro de Cultura, Javier Vázquez, destacou que "Queremos que cada lucense sinta que o San Froilán tamén é seu. Imos preservar todo aquilo que fai únicas estas festas, pero abrindo novas oportunidades para participar, para achegar talento e para seguir facendo medrar a gran festa de todos os lucenses."
O Goberno local continuará a informar das iniciativas que permitirán recuperar para o San Froilán o protagonismo que merece.



