O Concello recupera para a cidadanía o quiosco da Praza Maior coa apertura dos novos baños públicos e dun punto de información turística

Martes, 07 de xullo de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello recupera para a cidadanía o quiosco da Praza Maior coa apertura dos novos baños públicos e dun punto de información turística
O Concello de Lugo recuperou para a cidadanía o quiosco da Praza Maior, que abriu esta semana convertido nun novo espazo de servizo público. As instalacións contarán cun servizo de aseos públicos e cun punto fixo de información turística, cumprindo así o compromiso adquirido polo Goberno municipal de devolver este espazo á cidade cun uso útil para os lucenses e para as persoas que visitan Lugo.

A alcaldesa, Elena Candia, o concelleiro de Turismo e Museos, Agustín Gallego, e o de mobilidade e obras, Antonio Ameijide, visitaron esta mañá as instalacións para comprobar o seu funcionamento.
 
O quiosco permanecerá aberto todos os días, de 10.00 a 15.00 horas e de 16.00 a 20.00 horas. Durante ese horario estarán dispoñibles tanto o servizo de información turística como os novos baños públicos.

A alcaldesa lembrou que esta actuación responde a un compromiso adquirido polo Goberno municipal poucas semanas despois de asumir a responsabilidade de goberno.
Candia destacou que esta é unha desas actuacións que melloran de forma directa o día a día da cidade.

"Ás veces gobernar tamén consiste en resolver cuestións sinxelas, pero moi necesarias. A Praza Maior levaba moito tempo sen un servizo tan básico como uns baños públicos. Hoxe esa carencia queda resolta recuperando un espazo que permanecía pechado para convertelo nun servizo útil para toda a cidadanía."

Recuperar un espazo para poñelo ao servizo da cidade

A apertura deste novo equipamento foi posible tras completar a incorporación do quiosco ao patrimonio municipal e executar os traballos necesarios para a súa adecuación.
 
O inmoble pasou a formar parte do patrimonio do Concello despois de culminar o procedemento administrativo iniciado tras quedar deserta a poxa pública celebrada o pasado 21 de maio de 2026. Ao amparo do Regulamento Xeral de Recadación, e acreditado o interese público da actuación, o Concello impulsou a súa adxudicación para destinalo a un uso de interese xeral.
 
O módulo, cunhas dimensións aproximadas de 4,80 metros de longo, 2,18 de ancho e 3,85 de altura, recupera agora a función pública para a que foi concibido, despois de permanecer durante anos sen actividade.
 

Multimedia

  • O Concello recupera para a cidadanía o quiosco da Praza Maior coa apertura dos novos baños públicos e dun punto de información turística
  • O Concello recupera para a cidadanía o quiosco da Praza Maior coa apertura dos novos baños públicos e dun punto de información turística

Noticias relacionadas