O acto institucional celebrarase mañá mércores no Círculo das Artes ás 20.00 horas coincidindo coa tradicional homenaxe ao compositor lucense por parte do Orfeón que leva o seu nome
O acto contará cun momento especialmente simbólico coa entrega en custodia do título por parte do presidente do Orfeón Xoán Montes ao director do Conservatorio, nun xesto que simboliza a transmisión e preservación do legado musical do compositor para as futuras xeracións
O Concello de Lugo celebrará este mércores, 24 de xuño, ás 20.00 horas no Círculo das Artes, o acto institucional de nomeamento de Xoán Montes Capón como Fillo Predilecto da cidade, culminando así o procedemento aprobado por unanimidade polo Pleno municipal o pasado mes de maio para recoñecer unha das figuras máis relevantes da historia cultural lucense.
Con esta distinción, Lugo rende homenaxe a un músico que deixou unha pegada imborrable na vida cultural da cidade e cuxo legado continúa vivo máis dun século despois da súa morte.
O recoñecemento coincide coa tradicional ofrenda a Xoán Montes que cada ano se celebra o 24 de xuño e á que a alcaldesa, Elena Candia, anima á cidadanía a sumarse para arroupar unha figura fundamental da cultura lucense.
Compositor, organista da Catedral de Lugo, fundador do primeiro coro da cidade, impulsor da Banda Municipal e pianista do Círculo das Artes, Xoán Montes é considerado unha das personalidades máis destacadas da música galega do século XIX e un dos grandes embaixadores culturais de Lugo.
A programación incluirá tamén as actuacións da agrupación de música tradicional Son de Lugh e da Banda Filarmónica de Lugo, que servirán de antesala a unha celebración que concluirá coa interpretación a cargo do Orfeón Xoan Montes da peza de Negra Sombra, unha das composicións máis coñecidas e emblemáticas do músico lucense.
O nomeamento como Fillo Predilecto responde á iniciativa promovida pola Asociación Orfeón Xoán Montes e conta co respaldo unánime da Corporación municipal, que recoñeceu deste xeito a extraordinaria contribución do compositor á historia cultural de Lugo.
Para a alcaldesa esta distinción de fillo predilecto é unha forma de recoñer que a obra deste lucense forma parte do patrimonio cultural do municipio e de Galicia”.
Coa concesión desta máxima distinción honorífica, Lugo salda unha débeda de recoñecemento cun creador que contribuíu decisivamente a construír a identidade musical e cultural da cidade e cuxo legado segue inspirando xeración tras xeración.

