O Concello e a USC ultiman o dispositivo de mobilidade e seguridade para a xornada do eclipse

Representantes da Universidade, Policía Local, Bombeiros, Protección Civil e os concelleiros Agustín Gallego e Javier Vázquez pecharon hoxe a coordinación das medidas previstas para facilitar o desenvolvemento das actividades

 
Martes, 11 de agosto de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo e a Universidade de Santiago de Compostela ultimaron os preparativos para a xornada do eclipse deste mércores cunha nova reunión de coordinación na que participaron representantes da USC, da Policía Local, dos Bombeiros, de Protección Civil e os concelleiros Agustín Gallego e Javier Vázquez.

O encontro permitiu pechar as cuestións relacionadas coa mobilidade, a sinalización e a coordinación dos diferentes servizos municipais e de emerxencias, co obxectivo de garantir o correcto desenvolvemento das actividades e a seguridade das persoas que se acheguen aos diferentes puntos habilitados para seguir o fenómeno.

Neste sentido, os puntos principais habilitados para a observación serán o adarve da Muralla situado xunto á Catedral e o parque Rosalía de Castro, nas inmediacións do miradoiro. Asemade, habilitarase un posto de información no lateral do edificio do Concello, cara á praza de Campo Castelo. Nestes tres espazos distribuiranse gratuitamente as gafas homologadas necesarias para realizar unha observación segura do eclipse.

A colaboración do Concello coa USC abrangue tanto o dispositivo necesario para garantir o correcto desenvolvemento da xornada como o apoio á programación de divulgación científica organizada pola Universidade. Así, o Concello colaborará coa instalación dunha pantalla xigante no Parque de Rosalía de Castro, a celebración do concerto de Sonidonia, unha nova actividade de Cine na Rúa, coa película “Amigos Imaginarios” e un pasarrúas pola Praza do Campo, Soidade e Rúa Nova a cargo de Kairanka, o subministro das gafas de observación e o apoio técnico e loxístico necesario para a posta en marcha dos diferentes equipamentos.

Neste último ámbito, o Concello facilitará carpas, mesas, cadeiras, equipos de megafonía e outros materiais e útiles necesarios para a instalación dos equipamentos previstos nos distintos espazos.

Desde o Goberno local salientan a importancia dunha colaboración que permitirá que Lugo se converta este mércores nun dos puntos de referencia para seguir esta cita astronómica, combinando divulgación científica, actividades abertas á cidadanía e un dispositivo de seguridade e mobilidade planificado con antelación, no que se inclúe o corte de tráfico nas rúas Pascual Veiga, Cidade de Viveiro e Isaac Díaz Pardo na tarde do día da eclipse.

A reunión celebrada hoxe culmina o traballo de coordinación desenvolvido durante os últimos meses entre o Concello e a USC, que permitiu preparar de maneira conxunta todos os aspectos necesarios para que a cidade poida acoller esta xornada excepcional con todas as garantías e ofrecer á cidadanía unha experiencia científica e divulgativa de primeiro nivel.

A maiores, o Concello dispuxo un posto específico para fotógrafos de prensa xunto ao Miradoiro do Parque de Rosalía para fotografar a eclipse e reserváronse dez prazas de aparcamento na Avenida Doctor García Portela para membros da prensa.

Noticias relacionadas