A alcaldesa recibe aos participantes do Lugo Music Festival ’26, que reúne en Lugo música e talento de diferentes estilos e países

A quinta edición do festival continúa ata o sábado con concertos na Praza Maior e no Círculo das Artes, ademais do V Curso-Concurso de Dirección Musical

Mércores, 19 de agosto de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A alcaldesa recibe aos participantes do Lugo Music Festival ’26, que reúne en Lugo música e talento de diferentes estilos e países

A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, recibiu hoxe na Casa do Concello á organización e aos participantes do Lugo Music Festival ’26, que celebra estes días a súa quinta edición coa participación duns 150 músicos, na súa maioría lucenses, entre profesionais e novos talentos.

Na recepción participaron entre outros o director artístico desta edición, Cristóbal Soler, vinculado durante unha década ao Teatro de la Zarzuela e actual director da Banda Municipal de Valencia, así como integrantes do comité organizador e directores participantes procedentes de diferentes puntos de España, Bruxelas, Londres e Ucraína.

O festival combina música clásica, tradicional, jazz e outros estilos populares con formación e competición. A edición deste ano incorporou como novidade a Praza Maior como escenario inaugural, onde onte se celebrou o primeiro concerto do festival a cargo da Banda Sinfónica, nunha actuación que contou cunha gran acollida por parte do público e que permitiu levar por primeira vez a apertura do certame a un espazo emblemático da cidade.

A programación continúa

Esta tarde, ás 20:00 horas, o Círculo das Artes acollerá un recital de solistas con Gerald Vázquez, ao piano, clarinete e arpa, e Iria Estévez, como voz.

Mañá, xoves 20, ás 20:00 horas, a Praza Maior será escenario do concerto do Ensemble Xuvenil de Ventos, coa participación de Tabea Graser.

O venres 21, tamén ás 20:00 horas, o festival trasladarase ao Círculo das Artes, con Tabea Graser e novo repertorio, acompañada polo Grupo de Corda e Piano.

A clausura será o sábado 22, ás 20:00 horas, no Círculo das Artes, cun concerto do Grupo de Corda e Piano, a final do V Curso-Concurso de Dirección Musical, unha mostra de swing con Nati & Jose Swing e a intervención do saxofonista Kike López.

A programación complétase con ensaios abertos de mércores a venres, que permiten ao público coñecer de preto o traballo previo dos músicos.

Multimedia

  • A alcaldesa recibe aos participantes do Lugo Music Festival ’26, que reúne en Lugo música e talento de diferentes estilos e países
  • A alcaldesa recibe aos participantes do Lugo Music Festival ’26, que reúne en Lugo música e talento de diferentes estilos e países

Noticias relacionadas