Lugo convértese na capital internacional do xadrez coa celebración do I Torneo Internacional Fuxan os Ventos

Os concelleiros Damián Carballo e Javier Vázquez participaron esta tarde na presentación dun evento que reunirá máis de cen xogadores de distintos países e que coincide co 30 aniversario da Escola Luguesa de Xadrez

Luns, 13 de xullo de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Torneo_xadrez2

Lugo acollerá desde hoxe 13 ao 20 de xullo a primeira edición do Torneo Internacional de Xadrez Fuxan os Ventos, unha competición que converterá a cidade nun referente internacional deste deporte ao reunir máis de cen xogadores e xogadoras, entre eles máis de quince mestres titulados, procedentes de distintos países.

Os concelleiros de Deportes, Damián Carballo, e de Cultura, Javier Vázquez, participaron na presentación oficial do torneo, organizado pola Escola Luguesa de Xadrez con motivo do seu 30 aniversario.

Durante o acto, destacouse a importancia dunha competición que permitirá situar Lugo no mapa internacional do xadrez e reforzar a proxección deportiva, cultural e turística da cidade.

As partidas disputaranse no Salón Rexio do Círculo das Artes, nun torneo que repartirá importantes premios e que será válido para a obtención de normas de Mestre Internacional e Gran Mestre Internacional, ademais de puntuar para o ranking internacional. As oito primeiras mesas serán retransmitidas en directo e o público poderá seguir en tempo real a evolución do resto dos encontros.

A programación completarase cunha visita guiada para que os participantes coñezan o patrimonio e a historia de Lugo, así como co desenvolvemento do Xullo Xadrecístico, unha serie de actividades gratuítas abertas á cidadanía en distintos espazos emblemáticos da cidade.

O torneo conta coa colaboración do Concello de Lugo.

Desde o Concello felicítase á Escola Luguesa de Xadrez polo seu 30 aniversario e polo traballo desenvolvido durante estas tres décadas para promover este deporte, formando xeracións de xogadores e consolidando Lugo como unha cidade comprometida co xadrez e cos grandes eventos deportivos e culturais.

Multimedia

  • Torneo_xadrez
  • Torneo_xadrez3

Noticias relacionadas