O San Froilán afronta unha das súas grandes citas musicais cun espectáculo luminoso de drons ás 20:30 horas e a actuación da Panorama ás 21:30 horas, nunha xornada que tamén inclúe a Feira Medieval e propostas para todos os públicos.
O San Froilán chega este luns, 12 de outubro, á súa penúltima xornada cunha actividade especial en San Fiz, onde ás 20:30 horas terá lugar un espectáculo luminoso con arredor de 500 drons, unha das novidades desta edición. A continuación, ás 21:30 horas, a Orquestra Panorama será a encargada de pechar o programa nun escenario que se montará en Sanfiz.
Pero o luns ofrece moitas máis opcións de actividades ao longo do día. Desde as 10.30 horas, no adro da Catedral e rúas da contorna se celebrará a Feira Medieval «Volta ao Medievo», con actuacións musicais, desfiles, xogos e outras propostas ata as 22:00 horas. Ás 11.00 horas a praza Maior desenvolverase o espectáculo familiar A Voar, de Cé Orquestra Pantasma, e nos soportais da Casa do Concello poderá visitarse a mostra de Bolboreta Fiandeira, dedicada á recuperación do oficio tradicional do fiado de lá e liño.
A música e a animación de rúa estarán presentes desde o mediodía cos pasarrúas dos Picurruchos e a charanga Chafalleiros, mentres que o patio do Edificio Administrativo acollerá ás 12:00 horas o Festival Infantil de Cantigas e Frores. Ás 13:00 horas, a praza Maior será escenario da actuación da Orquestra Escaparate.
Pola tarde, continuan os pases do cine máis pequeno do mundo do Festivaliño Xacobeo On The Road, na praza da Soidade de 17:00 a 20:00 horas, ou á Gala Miss Deusa, organizada polo colectivo ALAS, ás 18:00 horas no patio do Edificio Administrativo. Cé Orquestra Pantasma volverá actuar ás 18:30 horas na praza de Santo Domingo.
A programación musical continuará na praza Maior coa Orquestra Costa Dorada, ás 19:30 horas, mentres os Picurruchos percorrerán o recinto histórico, a rúa Nova e a Tinería a partir das 20:00 horas.
Antes da despedida en San Fiz, a praza de Santa María acollerá ás 21:00 horas o concerto de Xisco Feijóo, e a Horta do Seminario recibirá ás 21:30 horas a Los Diablos.

