Elena Candia recibe no Concello a Óscar Rodríguez de Vivero, campión do Mundo de Oratoria en Español

A alcaldesa interesouse pola traxectoria deste mozo lucense e polo traballo que desenvolve desde a Asociación Más Debate, con sede en Lugo, para achegar a oratoria e o pensamento crítico ás novas xeracións e desexoulle sorte para o campionato de España que se celebrará esta semana en Oviedo

Luns, 02 de novembro de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Elena Candia recibe no Concello a Óscar Rodríguez de Vivero, campión do Mundo de Oratoria en Español

A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, recibiu no Concello a Óscar Rodríguez de Vivero, recentemente proclamado campión do Mundo de Oratoria en Español 2026, para felicitalo por este recoñecemento e coñecer de primeira man a súa traxectoria e os proxectos nos que está traballando.

Durante o encontro, Candia destacou a satisfacción que supón que un mozo lucense acade un recoñecemento internacional destas características e, especialmente, o seu compromiso coa formación das novas xeracións e coa cidade. "É importante contar con persoas que, ademais de desenvolver a súa propia traxectoria, dedican tempo e esforzo a compartir os seus coñecementos», sinalou a alcaldesa.

Rodríguez de Vivero acadou o título no VI Campionato do Mundo de Oratoria, celebrado en Cali (Colombia), no que participaron máis de 400 persoas procedentes de universidades de 22 países. Este resultado súmase ao subcampionato mundial conseguido en Bos Aires en 2024 e ao recoñecemento como mellor orador de España na Liga Española de Debate Universitario (LEDU) ese mesmo ano.

A súa actividade profesional céntrase na formación en oratoria e comunicación executiva, así como no traballo arredor do debate e da argumentación. Ao longo da súa traxectoria participou en numerosos torneos nacionais e desenvolveu actividades formativas en centros educativos e universidades.

Unha parte importante do seu labor está vinculada a Lugo. Óscar Rodríguez de Vivero preside a Asociación Más Debate, con sede na cidade, desde a que promove o pensamento crítico, a oratoria e a capacidade de argumentación entre a mocidade.

Noticias relacionadas