O Concello de Lugo reforza o seu apoio ao deporte base cunha oferta de 16 Escolas Deportivas para o curso 2026-2027

As escolas desenvolveranse en diferentes instalacións deportivas municipais e abarcarán unha ampla variedade de disciplinas.

Martes, 29 de setembro de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo, a través da Concellería de Deportes, pon en marcha unha nova tempada das Escolas Deportivas municipais correspondente ao curso 2026-2027, cunha extensa oferta de actividades dirixidas especialmente á promoción do deporte base e á práctica deportiva entre os nenos, nenas e mozos da cidade.

Como parte deste programa, o Concello pon a disposición dos clubs e entidades participantes diferentes instalacións deportivas municipais, facilitando o seu uso sen custo para o desenvolvemento das actividades previstas ao longo da tempada.

As escolas desenvolveranse, entre outros espazos, nos polideportivos de Frigsa e O Palomar, no Daniel Cordido, na Casa do Deporte, na Piscina Municipal das Pedreiras e no Pavillón Municipal dos Deportes, ademais doutros espazos nos que se desenvolvan determinadas disciplinas.

O concelleiro de Deportes, Damián Carballo, destacou que “o fomento da práctica do deporte base conta co apoio incondicional do Concello. É un orgullo comprobar a gran cantidade de lucenses que practican deporte xa desde pequenos e a enorme actividade que cada semana desenvolven os clubs da cidade”.

A colaboración municipal mediante a cesión das instalacións busca facilitar o funcionamento das escolas deportivas, reducir as barreiras de acceso á práctica deportiva e apoiar directamente o traballo que desenvolven os clubs lucenses na formación das categorías de base.

Desde a Concellería de Deportes sublíñase, ademais, a importancia da colaboración cos clubs locais, que son os encargados de achegar a información concreta relativa a cada escola, modalidades ofertadas, horarios, idades, prazas dispoñibles e condicións de inscrición.

“Queremos que cada vez máis nenos e nenas atopen en Lugo unha disciplina coa que desfrutar, aprender e adquirir os valores que transmite o deporte. Para iso é fundamental seguir traballando da man dos clubs, que son unha peza esencial do deporte lucense”, concluíu Damián Carballo.

Noticias relacionadas