O Concello reclama coñecer o compromiso de todas as administracións na ampliación do Pazo dos Deportes ante a ausencia do Consello Superior de Deportes

As administracións presentes na reunión amosaron a súa disposición a colaborar nun proxecto que deberá garantir a continuidade da actividade deportiva durante as obras

Xoves, 03 de setembro de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo participou hoxe na reunión convocada pola Deputación para abordar a ampliación do Pazo dos Deportes, un encontro no que as administracións presentes coincidiron na súa disposición a avanzar neste proxecto.

O Goberno municipal considera positivo este punto de partida e manifesta a súa vontade de colaborar, pero entende que antes de concretar o proxecto é necesario coñecer con que administracións se conta e cal será o compromiso de cada unha delas, especialmente desde o punto de vista económico.

Neste sentido, o Concello lamenta a ausencia do Consello Superior de Deportes, organismo que representa ao Goberno de España, xa que impediu coñecer nesta reunión cal será a súa implicación nun investimento desta dimensión.

A alcaldesa, Elena Candia, considera que esta cuestión non debe prexudicar o bo clima institucional da reunión nin a vontade das administracións presentes de traballar conxuntamente, pero sinala que é necesario contar con toda a información para poder avanzar con garantías.

Ademais, o Concello considera imprescindible que o proxecto garanta a viabilidade das obras e a compatibilidade coa actividade deportiva, xa que actualmente non existe unha instalación alternativa que permita trasladar o adestramento e a competición dos equipos que utilizan o Pazo dos Deportes.

Noticias relacionadas