O novo espazo, aberto e de uso libre, foi solicitado por practicantes deste deporte paralímpico e conta tamén cun local para gardar o material

O novo espazo, aberto e de uso libre, foi solicitado por practicantes deste deporte paralímpico e conta tamén cun local para gardar o material
O concelleiro de Deportes, Xuventude e Infancia acompañou a posta en marcha dun novo espazo de lecer e práctica deportiva para a boccia, habilitado nas proximidades do Parque de Frigsa.
O novo espazo, con acceso desde o interior do parque ou desde a Avenida Infanta Elena, foi solicitado polos propios practicantes da boccia e posto en marcha en colaboración coa Concellería de Deportes. Trátase dun espazo aberto e de uso libre para todas as persoas que practiquen este deporte, ás que tamén se lles cedeu un pequeno local anexo para gardar o material.
A boccia é un deporte paralímpico que se practica en cadeira de rodas, de forma individual, por parellas ou en equipos de tres persoas. É unha disciplina que combina habilidade técnica e táctica cun importante compoñente de control mental e que pode ser practicada por persoas de diferentes idades e sexos.
Lugo conta ademais con clubs referentes neste deporte e con deportistas que forman parte da súa historia, como María Hilda Rodríguez Rodríguez, pioneira e referente histórica da boccia adaptada na cidade. Rodríguez foi gañadora de dúas medallas de ouro nos Xogos Paralímpicos de Atlanta 1996 e recibiu no ano 2013 a Medalla Castelao, en recoñecemento ao seu legado no deporte galego.
Con este novo espazo, o Concello facilita un lugar específico para a práctica da boccia e dá resposta á petición dos seus practicantes, favorecendo así o acceso á actividade deportiva e o uso dos espazos públicos para a práctica deportiva.

