O Concello de Lugo reafirma o seu compromiso co deporte inclusivo coa colaboración nos 30º Xogos Autonómicos de Baloncesto Special Olympics Galicia

O Pazo Provincial dos Deportes reunirá este sábado 232 participantes, dos cales 151 serán deportistas procedentes de 13 entidades sociais de toda Galicia.

Xoves, 15 de outubro de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo reafirma o seu compromiso co deporte inclusivo coa colaboración nos 30º Xogos Autonómicos de Baloncesto Special Olympics Galicia
O concelleiro de Deportes, Damián Carballo, destacou o compromiso do Concello de Lugo co deporte inclusivo e a súa colaboración na organización dos 30º Xogos Autonómicos de Baloncesto Special Olympics Galicia, que se celebrarán este sábado, 17 de outubro, no Pazo Provincial dos Deportes. Carballo puxo en valor a importancia de apoiar iniciativas que favorecen a inclusión social das persoas con capacidades diferentes a través da práctica deportiva, a cultura e o lecer.
 
Special Olympics Galicia organiza os xogos coa colaboración da asociación local San Vicente de Paúl. A cita reunirá en Lugo 232 participantes, dos cales 151 serán deportistas procedentes de 13 entidades sociais de toda Galicia, e converterá o Pazo Provincial dos Deportes nun punto de encontro para o baloncesto inclusivo galego.
 
A provincia de Lugo contará cunha destacada representación: 62 xogadores e 18 adestradores pertencentes a seis asociacións: Aspnais, San Pablo e San Lázaro, CAPD Sarria, Aspanane, Prodeme e a entidade anfitrioa, San Vicente de Paúl.
 
Os deportistas estarán acompañados por 35 adestradores e contarán co apoio de 46 persoas que formarán parte dos equipos de voluntariado, arbitraxe, emerxencias e organización.
 
A programación comezará ás 10:45 horas, na pista central do Pazo Provincial dos Deportes, co tradicional desfile das entidades participantes. Un dos momentos máis significativos da xornada será a lectura do lema dos deportistas de Special Olympics por parte dun atleta de San Vicente de Paúl: «Quero gañar, mais se non o consigo, deixádeme ser valente no intento». A continuación, as autoridades inaugurarán oficialmente os xogos e dará comezo a competición, que se desenvolverá en diferentes niveis adaptados ás habilidades dos xogadores.
 
Os partidos disputaranse en dúas quendas: pola mañá, de 12:00 a 14:30 horas, e pola tarde, de 16:00 a 19:00 horas. Ao remate da competición terá lugar o acto de clausura.
 
Como broche final da xornada, entregarase o Premio ás Boas Prácticas no Deporte, un recoñecemento votado polos propios deportistas que enxalza o compañeirismo, o xogo limpo, a nobreza na práctica deportiva e o respecto aos árbitros, delegados e compañeiros.
 
Coa súa colaboración, o Concello de Lugo contribúe ao desenvolvemento dunha cita que sitúa o deporte como ferramenta de participación e convivencia, e que permite visibilizar as capacidades de cada deportista e reivindicar o valor dunha práctica deportiva aberta a todos.

Noticias relacionadas