Os bailes urbanos e o iogadanza, principais novidades da programación de Xuventude para o primeiro semestre do ano

O Goberno Local aposta novamente por propostas de éxito como o curso de monitor de tempo libre, zumba ou sendeirismo para ofertar un total de 243 prazas gratuítas.

O edil desta área, Jorge Bustos, valora “a incorporación das novas actividades para continuar ofrecendo un programa con boas alternativas de ocio para a nosa mocidade”.

A maior parte das clases e cursos se desenvolverán entre febreiro e xuño e a súa inscrición previa pódese facer desde hoxe no enlace formulario.xuventudelugo.gal.

Mércores, 11 de febreiro de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Os bailes urbanos e o iogadanza, principais novidades da programación de Xuventude para o primeiro semestre do ano

A área de Xuventude do Concello de Lugo vén de presentar a programación de actividades para o primeiro semestre do ano, dirixida maioritariamente a mozos e mozas de 14 a 35 anos, cunha oferta na que destacan como grandes novidades os cursos de bailes urbanos e de iogadanza, actividades ás que se suman outras xa consolidadas no programa de Xuventude, como o curso de monitor de tempo libre, zumba ou as excusións de sendeirismo, entre outras, cunha oferta que se traduce en 243 prazas gratuítas.

O edil desta área Jorge Bustos valora “a incorporación de cursos demandados e que agardamos que teñan moito tirón como o de bailes urbanos e o de iogadanza, e coas que continuamos ofrecendo un programa con boas alternativas de ocio para a nosa mocidade”.

A estas novidades se suman “outras propostas xa consolidadas na nosa programación como o de sendeirismo, este semestre con saídas polo municipio, pola provincia e pola Costa da Morte, e o de monitor de tempo libre, un curso no que sempre cubrimos todas as prazas, posto que os e as participantes poden conseguir un certificado oficial para exercer este traballo”, recorda Bustos.

A Casa da Xuventude acollerá a maior parte destas actividades, que se desenvolverán entre os meses de febreiro e xuño, dirixidas a persoas de entre 14 e 35 anos de idade e para as que xa é posible realizar a inscrición no enlace formulario.xuventudelugo.gal.

Danzas urbanas

A primeira das actividades que comezará a impartirse, o vindeiro venres día 20 de febreiro, será a de danzas urbanas, precisamente unhas das novidades da programación deste semestre. Desenvolverase todos os venres, de 17.00 a 19.00 horas na Casa da Xuventude, e está previsto que se impartan clases de distintos estilos como looking, popping, street dance ou hip hop, entre outros. Para estas clases hai reservadas 20 prazas que se desenvolverán ata o 5 de xuño.

Zumba e Ioga

As clases de Zumba impartiranse desde o vindeiro 23 de febreiro ao 8 de xuño, na Casa da Xuventude, todos os luns, de 20.15 a 21.15 horas, cunha oferta de 12 prazas. No mesmo sitio e con igual número de prazas terá lugar o curso de ioga, que se desenvolverá desde o 25 de febreiro ata o 10 de xuño, todos os mércores, de 20.15 a 21.15.

Iogadanza

O 26 de febreiro tamén arrancará, nas mesmas instalacións municipais, o curso de iogadanza, unha nova disciplina que aúna danza e traballo corporal, que mellora a coordinación, a flexibilidade e a forza. Hai reservadas 20 prazas para unhas clases que se prolongarán ata o 11 de xuño, e que se impartirán todos os venres, de 19.00 a 20.00 horas na Casa da Xuventude.

Monitor de tempo libre

Co obxectivo de que a mocidade poida optar ao certificado de monitor de tempo libre e exercer este traballo, a área de Xuventude volve convocar unha nova edición deste curso, con 25 prazas. Comezará o 27 de febreiro e rematará o 17 de maio. As clases terán lugar os fin de semana con horarios intensivos. Así, os venres o curso se desenvolverá de 16.30 a 21.30; e os sábados e domingos, de 10.00 a 14.00 e de 16.30 a 21.30 horas.

Radiocontrol

O obradoiro de radiocontrol é outras das actividades que repite dentro da programación de Xuventude, dado o éxito de convocatorias anteriores. Haberá un total de 24 prazas para participar neste curso, que comezará o 7 de marzo e prolongarase ata o 16 de maio. Impartirase no Circuíto de Frigsa, todos os sábados, en horario dúas quendas, de 11.00 a 12.00 e de 12.00 a 13.00 horas, con catro participantes para cada un dos horarios.

Sendeirismo

Pola súa banda, a actividade de sendeirismo arrancará este ano o próximo 14 de marzo, cunha ruta polo municipio de Cervantes. Durante os meses de abril, maio, xuño e xullo hai programadas outras catro saídas, sempre en sábado, por outros puntos da provincia, polo propio municipio de Lugo e tamén pola Costa da Morte. Hai reservadas 26 prazas para cada unha destas excursións. 

Audio

  • O edil Jorge Bustos, sobre os bailes urbanos e o iogadanza | Descargar mp3

Multimedia

  • Os bailes urbanos e o iogadanza, principais novidades da programación de Xuventude para o primeiro semestre do ano
  • Os bailes urbanos e o iogadanza, principais novidades da programación de Xuventude para o primeiro semestre do ano

Noticias relacionadas