A área de Xuventude impulsa o +XTi con novos Círculos de Desenvolvemento e un curso oficial de dirección de actividades de lecer

O programa municipal pon en marcha entre febreiro e abril unha actividade gratuíta dirixida á mocidade e ás familias, centrada no benestar emocional, as habilidades sociais e os hábitos saudables.

A oferta complétase cun Curso Oficial de Director/a de Actividades de Ocio e Tempo Libre, homologado pola Xunta de Galicia, con 20 prazas e 300 horas de formación.

O edil Jorge Bustos subliña que “o +XTi ofrece espazos de apoio, aprendizaxe e formación que responden ás necesidades reais da mocidade e das familias”.

Mércores, 18 de febreiro de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A área de Xuventude impulsa o +XTi con novos Círculos de Desenvolvemento e un curso oficial de dirección de actividades de lecer

O Concello de Lugo, a través da área de Xuventude, pon en marcha nos vindeiros meses novas accións do programa +XTi, en colaboración co Plan Nacional sobre Drogas, cunha programación que combina actividades de acompañamento emocional e familiar cunha oferta formativa oficial no ámbito do lecer e o tempo libre.

“O +XTi é un programa vivo, que se adapta ás necesidades actuais da mocidade e das familias, ofrecendo ferramentas útiles para o seu desenvolvemento persoal, social e formativo”, sinalou o edil de Xuventude, Jorge Bustos, quen destacou que “todas estas propostas nacen do contacto directo coa realidade da cidade e do traballo coordinado co Plan Nacional sobre Drogas”.

Unha das principais novidades é o Programa Círculos de Desenvolvemento, unha actividade aberta e de balde dirixida á mocidade e ás familias, que se desenvolverá entre os meses de febreiro e abril no Centro Cultural Uxío Novoneyra, en sesións semanais de dúas horas, de 17:00 a 19:00 horas.

Esta iniciativa aposta por xogos, dinámicas participativas e espazos de diálogo para traballar a intelixencia emocional, as habilidades comunicativas e de escoita activa, os hábitos saudables e a xestión das emocións, ademais de ofrecer consellos prácticos, recursos, orientación e apoio tanto á mocidade como ás súas familias. As sesións estarán impartidas por un equipo profesional formado por psicóloga/o e educador/a social especialistas en familia e mocidade.

O programa estrutúrase en dous bloques diferenciados. O dirixido á mocidade de 10 a 17 anos desenvolverase os xoves 26 de febreiro; 5, 12 e 26 de marzo; e 9, 16, 23 e 30 de abril. Pola súa banda, o bloque destinado a familias terá lugar os mércores 25 de febreiro; 4, 11, 18 e 25 de marzo; e 1, 8 e 15 de abril. Ambas liñas comparten o obxectivo de reforzar as capacidades persoais, a comunicación e a prevención de condutas de risco desde unha perspectiva educativa e comunitaria, en coordinación co Plan Nacional sobre Drogas.

En paralelo, o programa +XTi incorpora tamén un Curso Oficial de Director/a de Actividades de Ocio e Tempo Libre, homologado pola Xunta de Galicia, cun total de 20 prazas e unha duración de 300 horas teórico-prácticas, orientado a mellorar a cualificación profesional da mocidade lucense no ámbito do lecer educativo.

A parte teórica, de 150 horas, impartirase do 10 de abril ao 20 de xuño na Casa da Xuventude, con clases os venres de 16:30 a 21:30 horas e os sábados de 10:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 21:30 horas. A parte práctica, tamén de 150 horas, xestionarase coa entidade encargada da formación e deberá estar finalizada antes de rematar setembro de 2026.

Este curso está dirixido preferentemente á xuventude lucense de entre 18 e 35 anos, empadroada, residente ou estudante na cidade, e require contar co título oficial de monitor/a de tempo libre e experiencia demostrable neste ámbito. Desde a área de Xuventude destacan que se trata dunha formación clave para mellorar a empregabilidade e a profesionalización no sector do lecer e da educación non formal.

As persoas interesadas poden consultar toda a información detallada e realizar a inscrición a través da web lugomasxti.org.

Jorge Bustos concluíu sinalando que “o +XTi aposta por unha xuventude acompañada, formada e con ferramentas para afrontar o presente e o futuro desde o benestar, a prevención e a participación activa”.

Audio

  • o edil de Xuventude, Jorge Bustos, sobre o impulso do +XTi | Descargar mp3

Multimedia

  • A área de Xuventude impulsa o +XTi con novos Círculos de Desenvolvemento e un curso oficial de dirección de actividades de lecer

Noticias relacionadas