Máis de 1.200 estudantes participaron nos obradoiros municipais de prevención de adiccións o pasado curso

As intervencións desenvolvéronse en 13 centros educativos da cidade entre novembro de 2024 e xuño de 2025.

No curso 2025/2026 os obradoiros xa están en marcha desde novembro e seguen abertas as solicitudes para os centros interesados.

“A prevención é máis eficaz cando se traballa de maneira continuada e adaptada ás distintas idades”, destacou o concelleiro de Xuventude, Jorge Bustos.

Venres, 12 de decembro de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Máis de 1.200 estudantes participaron nos obradoiros municipais de prevención de adiccións o pasado curso

Máis de 1.200 estudantes de Primaria, Secundaria, Bacharelato e Formación Profesional participaron durante o curso 2024/2025 nos obradoiros municipais de prevención de adiccións desenvolvidos en centros educativos da cidade, unha iniciativa que permitiu achegar accións preventivas a un amplo número de rapaces e rapazas de diferentes idades.

O concelleiro de Xuventude, Jorge Bustos, puxo en valor o alcance do programa e sinalou que “chegar a máis dun milleiro de alumnos e alumnas supón unha oportunidade real para traballar a prevención de maneira directa, dotándoos de ferramentas para afrontar situacións de presión de grupo, mellorar a toma de decisións e favorecer estilos de vida saudables”.

As intervencións do pasado curso desenvolvéronse en 13 centros educativos do municipio entre novembro de 2024 e xuño de 2025. Cada centro contou con programas e sesións compostas por varias horas de intervención ao longo do curso escolar, impartidas por profesionais con experiencia en prevención de adiccións, psicólogos/as e educadores/as, e adaptadas ás distintas franxas de idade, desde 5º e 6º de Primaria ata Bacharelato e Formación Profesional.

No curso 2025/2026, o Concello continúa a desenvolver este programa na mesma liña de traballo. Desde o mes de novembro xa se están a impartir obradoiros nos centros educativos que así o solicitaron, con contidos específicos tanto sobre o consumo de drogas como sobre as adiccións comportamentais en xeral. Ademais, existen xa solicitudes programadas que supoñen máis de 100 horas de talleres e charlas ao longo do curso.

A programación inclúe cinco tipos de obradoiros dirixidos ao alumnado das distintas etapas educativas. Entre eles destaca unha proposta dirixida á mocidade maior de 16 anos que aborda a relación entre adiccións, educación vial e mobilidade persoal, cunha sesión dinámica que conta coa colaboración da Policía Local. Tamén se desenvolven obradoiros centrados no cánnabis, no tabaco e no vapeo, co obxectivo de aclarar conceptos, afastarse dos mitos e ofrecer información rigorosa.

Estas accións teñen como finalidade fortalecer habilidades clave como o pensamento crítico, a autoestima, a xestión da presión de grupo e a resolución de conflitos, contribuíndo á redución de riscos e á promoción de contornos e estilos de vida saudables entre a mocidade.

Ademais do traballo co alumnado, o servizo municipal contempla tamén a posibilidade de realizar sesións específicas dirixidas a nais, pais e profesorado, co obxectivo de ofrecer orientación, pautas educativas e ferramentas para a detección temperá e o acompañamento preventivo no ámbito familiar e escolar.

O concelleiro concluíu sinalando que “a prevención das adiccións é unha responsabilidade compartida e só desde un enfoque global, no que participen centros educativos, familias e administración, é posible avanzar cara a unha mocidade máis informada, crítica e consciente”.

Máis info

Noticias relacionadas