Arroxo: "Este proxecto permite avanzar nun modelo de mobilidade peonil tamén no eixo leste-oeste da cidade, integrando unha gran senda peonil que parte desde o Río ata Fontiñas".
Rubén Arroxo anunciou que a Xunta de Goberno que se celebrará mañá aprobará o inicio do procedemento de contratación cun orzamento de 1.147.136,91€.
Arroxo: "Faremos seguimento para garantir que a execución se axuste ao proxectado".

O Tenente de Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo anunciou que a Xunta de Goberno prevista para mañá aprobará o inicio do procedemento de licitación para a alternativa de mobilidade na que se traballou no último ano desde a Tenencia de Alcaldía: "a comunicación a través dunha pasarela peonil o Parque de Rosalía co Parque Marcos Cela". Arroxo afirmou que "consideramos que é un proxecto interesante, con grande potencial para avanzar cara a unha cidade máis camiñable, creando un novo espazo peonil entre dúas zonas moi importantes da cidade".
A pasarela constará dunha estrutura curva metálica, elaborada en aceiro corten apoiada en pilares en "v". Estruturalmente é unha solución robusta, duradeira e de mantemento mínimo grazas ao comportamento dos materiais fronte á corrosión atmosférica e á simplicidade dos apoios. O trazado curvo suaviza a percepción do desnivel e mellora a integración na contorna. "Xa hai bastantes anos, estas costas do parque estaban conectadas directamente co río a través de camiños tradicionais, que cando se fixo a ronda República Arxentina se perderon, e con esta pasarela tamén sería un pouco recuperar ese concepto de unir o Parque co Río de xeito peonil", explicou Arroxo.
Arroxo sinalou que se trata dunha intervención "na que levabamos tempo traballando" e adiantou que, aínda dende a oposición, "faremos seguimento para garantir que a execución se axuste ao proxectado". A iniciativa preséntase como unha mellora estratéxica para a mobilidade peonil e a conexión urbana en Lugo, e sairá a licitación cun orzamento de 1.147.136,91€ e un prazo de execución de 8 meses.
Audio
- O Tenente de Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, sobre a pasarela peonil de República Arxentina | Descargar mp3


