A edil de Cultura destacou que "as últimas semanas do ano Lugo énchese da mellor selección do jazz internacional".
Na última edición do Festival de Jazz de Lugo contouse con Victor Wooten & The Wooten Brothers e Chucho Valdés Royal Quartet, entre outros.

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, puxo en valor o papel do jazz na programación cultural de Lugo coincidindo coa celebración na xornada de hoxe do Día Internacional da Música Jazz. Ferreiro destacou a relevancia deste xénero dentro da oferta cultural da cidade, e afirmou que “nas últimas semanas do ano, Lugo énchese da mellor selección do jazz internacional”, destacando o Festival de Jazz de Lugo como unha cita de referencia tanto para o público local como para visitantes.
Ferreiro lembrou que na última edición do Festival de Jazz de Lugo participaron artistas de primeiro nivel como Victor Wooten & The Wooten Brothers e Chucho Valdés Royal Quartet, entre outros, o que demostra "a aposta por unha programación de calidade e de proxección internacional", dixo Ferreiro.
Ferreiro destacou que a aportación do Concello a este evento se realiza a través das subvencións da área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua destinadas a asociacións culturais e a actividades turísticas, que no 2025 ascenderon a 17 subvencións nominativas que permitiron, segundo explicou Maite Ferreiro "garantir unha parte importante da programación cultural de Lugo e a continuidade de asociacións cun importante arraigo en Lugo". No último ano, o Goberno de Lugo investiu 181.400€ nestas actividades, entre as que figuran a Semana de Cine de Lugo, o Correlingua, o Festival de Jazz ou a gala Mestras e Mestres da Memoria, "actividades xa consolidadas no calendario cultural lucense", explicou Maite Ferreiro, que destacou tamén "as actividades de promoción turística", como o Concurso de Tapas ou a semana santa.

