Cristina López visita o curso de restauración de mobles en Santiago de Saa, que conta cunha ampla participación veciñal

A formación céntrase na aprendizaxe de técnicas básicas para recuperar e conservar mobles, desde a preparación de superficies ata a reparación de pequenos desperfectos.

A concelleira de Participación destaca a aposta por achegar formación útil ao rural e fomentar as xuntanzas nas parroquias.

Mércores, 29 de abril de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Cristina López visita o curso de restauración de mobles en Santiago de Saa, que conta cunha ampla participación veciñal

A Área de Participación e Servizos para a Veciñanza do Concello de Lugo continúa cun curso de restauración de mobles na Asociación de Veciños de Santiago de Saa, unha proposta formativa que está a rexistrar unha elevada participación e unha moi boa acollida entre a veciñanza.

A concelleira de Participación, Cristina López, achegouse a unha xornada máis da actividade, onde salientou a importancia de impulsar este tipo de iniciativas nas parroquias do rural. “Seguimos traballando para achegar actividades que respondan aos intereses da veciñanza e que lles permitan adquirir coñecementos útiles para o día a día”, sinalou López.

O curso está orientado á aprendizaxe de técnicas básicas de restauración e conservación de mobles, abordando aspectos como a preparación das superficies, o lixado, a reparación de pequenos danos ou a aplicación de diferentes acabados. As persoas participantes combinan contidos teóricos con sesións prácticas, nas que poden aplicar directamente os coñecementos adquiridos.

A edil de Participación puxo tamén en valor o compoñente social destas actividades: “Ademais de aprender novas habilidades, estes cursos convértense en espazos de encontro que fortalecen a convivencia nas parroquias e fomentan a participación activa da comunidade”.

Esta iniciativa enmárcase na programación formativa que a Tenencia de Alcaldía desenvolve ao longo do ano co obxectivo de dinamizar a vida nas parroquias e facilitar o acceso da cidadanía a novas oportunidades de aprendizaxe.

Multimedia

  • Cristina López visita o curso de restauración de mobles en Santiago de Saa, que conta cunha ampla participación veciñal
  • Cristina López visita o curso de restauración de mobles en Santiago de Saa, que conta cunha ampla participación veciñal

Noticias relacionadas