O Concello de Lugo mellora os servizos básicos no rural con actuacións en Conturiz e un novo proxecto de abastecemento en Ombreiro

Máis de 267.000 euros investidos en Conturiz para mellorar o abastecemento de auga e as infraestruturas viarias da parroquia.

O Concello inicia a licitación dun novo proxecto en Ombreiro que permitirá ampliar a rede de auga e dar servizo a 34 vivendas.

“Seguimos levando servizos básicos ao rural con actuacións planificadas que melloran a calidade de vida da veciñanza e reforzan a cohesión territorial”, sinalou Miguel Fernández, alcalde de Lugo.

Mércores, 06 de maio de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo mellora os servizos básicos no rural con actuacións en Conturiz e un novo proxecto de abastecemento en Ombreiro

O Concello de Lugo continúa avanzando na súa aposta pola mellora dos servizos públicos no rural coa culminación da primeira fase do plan integral de actuación en Conturiz e coa posta en marcha dun novo proxecto de abastecemento de auga na parroquia de San Martiño de Ombreiro. En conxunto, estas actuacións supoñen un novo impulso á modernización das infraestruturas básicas no territorio, garantindo unha mellor calidade de vida para a veciñanza.

“Estamos a desenvolver unha política útil para o rural, con proxectos que responden a necesidades reais e que teñen un impacto directo no día a día da xente. Actuacións como as de Conturiz e Ombreiro demostran que hai planificación, continuidade e compromiso coa mellora dos servizos básicos en todo o municipio”, incidiu o rexedor.

Culmina a primeira fase do plan integral en Conturiz

O Concello vén de rematar a primeira fase do plan integral de actuación na parroquia de Conturiz, cun investimento global superior aos 267.000 euros, que permitirá transformar de maneira significativa os servizos básicos e as infraestruturas da zona.

Esta primeira fase corresponde á ampliación da rede municipal de abastecemento de auga nos núcleos de San Amaro, Castro e Conturiz, cun investimento de 145.155,70 euros financiado ao abeiro do Plan Deputación 2025.

Os traballos permitiron dotar á zona dunha infraestrutura moderna e eficiente, mediante a instalación de novas tubaxes, válvulas de control, arquetas e acometidas ás vivendas, así como a conexión coa rede principal existente. A execución realizouse de maneira planificada, por fases, garantindo en todo momento o mantemento do servizo e minimizando as afeccións á veciñanza.

Desde o punto de vista técnico, a actuación incluíu a apertura de zanxas para canalizacións, a reposición de servizos afectados, a execución de desvíos provisionais da rede para asegurar o subministro durante as obras e a realización das correspondentes probas de funcionamento, garantindo a plena operatividade do sistema.

Arranque da mellora do firme para completar a actuación

Unha vez culminada esta primeira fase, o Concello iniciará nos próximos días a segunda parte do plan integral, centrada na mellora do firme viario, cun investimento de 122.245,50 euros.

Esta intervención permitirá actuar en 12 tramos de vías municipais que suman máis de 1,6 quilómetros de lonxitude, mediante a renovación do pavimento con aglomerado en quente, a limpeza e acondicionamento de cunetas, a reparación dos bordes da calzada e a execución de novos sistemas de drenaxe.

Tamén se reforzará a seguridade viaria coa instalación de sinalización horizontal e vertical, contribuíndo a mellorar as condicións de circulación e accesibilidade na contorna.

Novo proxecto de abastecemento en Ombreiro

En paralelo, o Concello de Lugo vén de iniciar o expediente de contratación das obras de abastecemento de auga na parroquia de San Martiño de Ombreiro, unha actuación incluída no Plan Deputación 2026 que permitirá seguir ampliando e mellorando a rede municipal no rural.

O proxecto contempla a execución dunha nova rede de distribución cunha lonxitude total de 2.680 metros, mediante tubaxe de polietileno de alta densidade, así como a instalación de elementos de control e seguridade como válvulas de corte, bocas de riego e incendio e sistemas de ventilación da rede.

A actuación permitirá a conexión de 34 vivendas nesta primeira fase, garantindo un subministro máis seguro, eficiente e adaptado ás necesidades da veciñanza.

No plano económico, o investimento total ascende a 272.274,67 euros, dos que 239.994,87 euros serán financiados pola Deputación de Lugo e 32.279,80 euros con cargo a fondos municipais.

O prazo estimado de execución das obras será de tres meses, unha vez adxudicado o contrato.

Un modelo de intervención planificada no rural

O conxunto destas actuacións responde á estratexia do Goberno local de reforzar a cohesión territorial e garantir que os servizos públicos cheguen en igualdade de condicións a todo o municipio.

“Seguimos avanzando con actuacións que non son illadas, senón que forman parte dunha planificación global para mellorar o rural, modernizar infraestruturas e garantir servizos básicos de calidade en todas as parroquias”, concluíu Miguel Fernández.

Noticias relacionadas